Catro títulos e unha decena de podios arousáns no Galego de K-2 e de C-2.
O Campionato Galego de K-2 e de C-2 ofreceu o pasado sábado un notable balance entre a ampla representación arousá na segunda proba puntuable para as Ligas Galegas de Pista. Cunha decena de podios e catro títulos, a metade destes últimos da categoría raíña, a sénior, sobre unha distancia de 5.000 metros.
Diego Romero e Tono Campos ratificaron a súa superioridade no C-2, cun crono de 21.19 e 32 segundos de vantaxe respecto a Sergio Vallejo e a Adrián Sieiro, do Escola de Piragüismo Poio. Idéntico dominio ao amosado por Raquel Dacosta e Camila Aldana Morison, o dúo estelar do Náutico Pontecesures, no K-2 Sénior, categoría esta na que se estrean neste 2016; o seu crono, 22.17, 29 segundos menos cás subcampioas do Breogán do Grove Natalia García Naveiro e Nuria Villacé, esta última recente campioa individual da distancia.
Yerai García e David Mochales, do Piragüismo Illa de Arousa, gañaron en C-2 Xuvenil, e Carla Frieiro e Aldara Merino no K-2 Cadete, coas súas compañeiras das Torres-Romaría Vikinga Rebeca Pardo e Xoana García bronce. Ademais, Anabel Oubiña e Antía Santiago (Illa) e Fátima Ordóñez e Catuxa Fabeiro (As Torres) foron prata e bronce no K-2 Xuvenil; e David Bernal e Pedro Citoula (N. Pontecesures) e Iván Meis e Juan Ortiz (Breogán), segundos e terceiros no C-2 Cadete.
A nivel colectivo, o As Torres-Romaría Vikinga gañou a xeral cadete feminina e rematou terceiro en home sénior, co Breogán segundo en sénior feminina.
La Voz de Galicia
0 comentarios