A Fundación Rosalía recibe unha partitura inspirada na escritora de Padrón.
A Fundación Rosalía de Castro de Padrón recibiu esta mañá un exemplar da partitura da «Cantanta rosaliana» de mans do seu compositor, Fernando Vázquez Arias, director da coral Follas Novas da Coruña. A obra será estreada o 23 de xuño na Fundación Barrié da cidade herculina.
A «Cantanta rosaliana» é unha peza inspirada na poeta de Padrón e dedicada á Coral Polifónica Follas Novas pola súa achega á música desde a su fundación no ano 1944.
Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, declarou na presentación da partitura que «estamos moi contentos de que o talento creativo de Fernando Vázquez Arias estea ao servizo dun proxecto desta envergadura» e tamén «moi orgullosos de que a obra de Rosalía continúe a dar froitos, neste caso musicais».
Alén disto, congratulouse de que «os vínculos establecidos coa coral Follas Novas dalgún xeito permanezan», en referencia á cesión en depósito do piano da familia de Rosalía en xullo do 2016.
Pola súa banda, o compositor afirmou que «sempre tiven en mente escribir unha obra musical inspirada no legado literario e na esencia da vida de Rosalía, así que cando no 2013 me fixen cargo da direccion da coral Follas Novas perfilei a idea e comencei a escribir unha peza que agora forma parte de ??Cantata Rosaliana??, que conta un pouco a historia do nacemento de dito coro, que bautizaron co nome do poemario de Rosalía».
La Voz de Galicia
0 comentarios