A Fundación Rosalía e Martín Veiga, Pedrón de Ouro.
A Fundación Rosalía de Castro e Martín Veiga, director do Centro Irlandés de Estudos Galegos da Universidade de Cork (Irlanda), recibirán o domingo 21 de maio o premio Pedrón de Ouro e o Pedrón de Honra, respectivamente. O acto será na Casa Museo de Rosalía, en Padrón. Actuarán como mantedores Pilar García Negro e Isaac Xubín. O fallo foi acordado polo padroado da Fundación do Pedrón de Ouro, recentemente reunido en Arzúa.
O Pedrón de Ouro ten como obxectivo «sobrancear aquela personalidade ou entidade viva, residente en Galicia, que máis se teña destacado na defensa e promoción das diversas facetas da cultura nacional ao longo do ano ou na traxectoria dunha vida». Nesta ocasión distingue a Fundación Rosalía, fundada en decembro de 1995, aínda que ten como antecedente o Padroado Rosalía de Castro, que comezou a funcionar en novembro de 1947. Para a concesión do premio o xurado valorou que sexa «unha organización de interese galego que ten como finalidades principais fomentar e difundir a memoria de Rosalía, de Manuel Murguía e dos seus fillos, conservar o conxunto da casa-museo de Rosalía e custodiar e incrementar o patrimonio rosaliano», para favorecer que sexa «contemplado e estudado». O escritor e profesor Anxo Angueira Viturro comezou a dirixir esta fundación en xuño do ano 2012. E é a sétima persoa que ocupa o cargo.
O Pedrón de Honra ten o mesmo obxectivo que o de Ouro, aínda que se orienta a persoas que residan fóra de Galicia. O poeta e profesor Martín Veiga (Noia, 1970) é recoñecido por ser o centro que dirixe en Irlanda desde a súa creación a finais dos anos 90 un dos «foros máis dinámicos para o ensino e a investigación sobre a lingua e da cultura galegas no exterior», e tamén como recoñecemento á súa produción literaria e á súa dedicación aos estudos literarios galegos.
La Voz de Galicia
0 comentarios