OS INCENDIOS FORESTAIS DOS ?LTIMOS DÍAS CALCINARON 45 HECTÁREAS DE MONTE EN VALGA.
Os lumes forestais que afectaron a Valga dende o pasado domingo deixan un balance aproximado de corenta e cinco hectáreas queimadas nos montes das parroquias de Setecoros e Cordeiro, segundo as primeiras estimacións. Os servizos de extinción municipais continúan en alerta e seguen a traballar na zona, na que aínda queda moito fume e nalgúns puntos incluso pequenos focos de lume. Por iso, efectivos do Grupo de Emerxencias e da brigada contra incendios do Concello están a revisar e asegurar os perímetros para evitar que as chamas poidan reavivarse.
Aínda que a chuvia caída durante a tarde de onte axudou nestas tarefas, non foi o suficientemente abundante e cómpre garantir que non volven a producirse situacións de perigo como as que se viviron na noite do domingo nos lugares de Cerneira, Igrexa e Rexenxo, nos que o lume chegou a ameazar varios inmobles. Este incendio forestal iniciouse en tres focos distintos e prácticamente simultáneos e obrigou a intervir ao Grupo de Emerxencias e á brigada municipal con todos os seus medios materiais e humanos, colaborando na extinción incluso os integrantes que estaban de descanso.
Foron máis dunha ducia os efectivos locais que traballaron durante a madrugada na extinción das lapas, que chegaron a apenas cen metros de distancia dalgunhas vivendas do lugar de Igrexa. Ademais participaron nas tarefas voluntarios da agrupación de Protección Civil de Cuntis, que se desprazaron a Valga cun dos seus camións, mentras que empresarios locais e comunidades de montes puxéronse a disposición dos servizos de extinción e facilitaron vehículos e camións cisterna para axudar a controlar o lume. Foi o caso de Hijos de Victoriano Rodríguez, Transportes Touceda e Transportes Morgade Vidal, así como a comunidade de montes de San Miguel. Os medios desprazados ao lugar conseguiron evitar que o incendio chegase ás casas e puidera causar danos materiais ou desgrazas persoais, a pesar das complexas condicións meteorolóxicas da noite do domingo.
Na mañá de onte, nun entorno próximo declaráronse outros dos focos de lume que afectaron ás zonas de Cerneira e Cordeiro e que obrigaron de novo a intervir ao GES e aos brigadistas, que traballaron durante toda a tarde para frear o avance das chamas. A situación, tralas chuvias caídas nas últimas horas, mellorou considerablemente. De feito, segundo a Consellería do Medio Rural, o risco de incendio en Valga descendeu a moderado.
Concello de Valga
0 comentarios