En Marea denuncia «unha trama de corrupción» no Concello de Valga.
Acusa o alcalde do PP, José María Bello Maneiro, o secretario Juan Manuel Salguero del Valle ??imputado na ‘Pokemon’?? e o interventor Juan José Vidal Vilanova de tecer unha «trama de favores» neste Concello.
En Marea denuncia unha «trama de corrupción» en Valga na que estarían implicados o alcalde do PP, José María Bello Maneiro, o secretario Juan Manuel Salguero del Valle e o interventor Juan José Vidal Vilanova, co fin de «nomear alguén de confianza que faga a vista gorda á actividade desenvolvida polo rexedor».
José María Bello Maneiro | Fonte: Concello de Valga.
Nesta trama, o alcalde do PP, José María Bello Maneiro, tería baixo «unha situación irregular» o Concello «na provisión de prazas de secretario e interventor», cunha «previsión orzamentaria anual para elas moi inferior á que lles corresponde por categoría», o cal, advirte En Marea, «disuade» a calquera funcionario habilitado a solicitar esas prazas, «de xeito que rematan sempre por estar vacantes».
«Deste xeito, o alcalde pode botar man de xente que lle resulte cómoda para o exercicio da súa actividade e non poña reparos», censura En Marea, que sinala como este sistema permite que concorran dúas persoas para «actuar por acumulación» e «sexan máis dóciles» para os intereses do rexedor.
«DIETAS ILEGAIS»
Por que había alguén de aceptar un posto coma estes por debaixo do que se remunera habitualmente? Segundo En Marea, habería varias razóns: unha, «porque o alcalde os compensa mediante o pago de dietas ilegais».
Luis Nieto Lago, traballando no Concello de Valga | Fonte: En Marea.
En segundo lugar apuntan a que no caso do secretario, neste caso Juan Manuel Salguero del Valle ??quen xa fora secretario co popular Conde Roa no Concello de Santiago e no Concello de Ribeira, e está implicado no caso de corrupción ‘Pokemon’?? «o beneficio que tratou de obter presuntamente vén por vía ilícita», como se investiga na peza relativa á trama Aquagest, lembra En Marea.
No caso do interventor, Juan José Vidal Vilanova ??derivado do Concello de Sanxenxo??, é «administrador solidario nunha sociedade mercantl da que forman parte tres persoas», en concreto, Iglesias Lago Vilanova Asesores SL, na que tamén participan María Luisa Álvarez Iglesias e Luís Nieto Lago. En Marea denuncia que «o Concello adxudicou o 21 de xuño de 2017 un contrato menor de servizos de reforzo administrativo» a favor precisamente de María Luisa Álvarez Iglesias, socia do interventor, cando ademais «a titulación da seleccionada [mestra] non garda relación coas funcións que debería desempeñar», as de técnico.
«TRAMA DE FAVORES»
Para En Marea, este nomeamento «non foi máis que unha tapadeira», porque «a finalidade era contratar o outro socio do interventor Juan José Vidal Vilanova, chamado Luís Nieto Lago», quen «si posúe» a titulación requerida para o posto pero que «está xubilado» e «non foi contratado», expón En Marea.
A fronte rupturista tamén sinala que «María Luisa Álvarez Iglesias nunca desempeñou estas funcións», pero «si o fixo con normalidade Luís Nieto Lago», tal e como se puido acreditar.
A finalidade, denuncia En Marea, era «favorecer os socios da empresa do interventor e dar traballo a unha persoa que non pode exercelo por estar en situación de xubilada».
Denuncian así irregularidades relacionadas coa «adxudicación dun contrato a quen non ten titulación para o desempeño» e «realización das funcións por unha persoa non contratada polo Concello, que ademais non está en situación laboral de traballar».
Para En Marea, estes casos demostran que no Concello de Valga «existe unha actuación corrupta» mediante «unha trama de favores que reciprocamente se prestan o alcalde, o secretario e o interventor accidentais» e da que «se benefician eles e máis terceiras persoas, nalgúns casos a nivel económico como para acadar a inexistencia de reparos á actividade desenvolta pola Alcaldía».
Por todo isto, Villares esixe a dimisión do alcalde Bello Maneiro e explicacións ao presidente provincial do PP, Alfonso Rueda. Ademais, entregará toda a documentación da que dispón á Fiscalía, ao Consello de Contas e a Inspección de Traballo. Entre outras cuestións, Villares entende que o rexedor popular pode incorrer en malversación de fondos e prevaricación.
Galicia Confidencial
0 comentarios