Camila Morison na Copa de España.
Manuel Fontán Señoráns aspira a converterse a primeira hora da tarde de hoxe no segundo padexeiro galego en amarrar unha praza nas grandes citas internacionais de pista deste ano coa selección española. Se onte o tomiñés Roi Rodríguez gañaba o dereito a acudir á Copa do Mundo de Szeged e ao Campionato de Europa Absoluto no K-1 1.000 no primeiro selectivo específico da tempada en augas tranquilas organizado pola Real Federación Española de Piragüismo, hoxe, no mesmo encoro asturiano de Trasona, o canoísta do Náutico O Muíño de Ribadumia pelexará polo posto no C-1 1.000 do vindeiro Mundial Xuvenil, categoría esta última na que vive a súa primeira tempada, pero na que xa foi tres veces internacional, con cadanseu título no C-1 200 e C-1 500 nos Xogos Europeos da Xuventude do 2017.
Para conseguir o seu primeiro grande obxectivo da tempada, Fontán debe gañar a final da Copa de España de 1.000 metros, cuxo programa de regatas se prolongará ata mañá no encoro avilesino.
A armada arousá sae a competir en Trasona con media ducia de candidatos ao título. Cos catro vencedores no Campionato de España de Inverno de Sevilla o pasado mes aspirando a prolongar o seu excelente inicio de tempada. Ademais de Fontán, María Pérez Aragunde (O Muíño), no C-1 500 Muller Xuvenil, Carla Frieiro Carril (As Torres-Romaría Vikinga), no K-1 500 Muller Xuvenil, e Tono Campos (Breogán do Grove), no C-1 Sénior. Nesta última categoría, co vilagarcián Diego Romero, subcampión de España de inverno e compañeiro de club de Campos, partindo entre os principais rivais do grovense xunto cos canoístas do Poio-Conservas Pescamar Adrián Sieiro e Sergio Vallejo
Con serias aspiracións a conseguir tres dos catro títulos xuvenís individuais, o piragüismo arousán tampouco descarta contar con boas novas do K-1 500 Muller Sénior, coas breoganistas Natalia García Naveiro e Tania Elisabeth Álvarez Yates, con Camila Aldana Morison, do Náutico Pontecesures, e coa barbanzá das Torres-Romaría Vikinga Raquel da Costa como nomes propios na categoría e na distancia.
Hoxe dispútase o programa completo de eliminatorias, de semifinais e de finais das embarcacións individuais e de barcos dobres xuvenís e séniores. Mañá domingo será a quenda das piraguas de catro tripulantes e dos paracanoístas. A nivel de clubs, Breogán e As Torres aspiran a avanzar no seu obxectivo de podio nalgunha das categorías da Liga Nacional Olímpica de Esprint.
La Voz de Galicia
0 comentarios