MANIFESTO DO CONCELLO DE PONTECESURES: 25 DE NOVEMBRO.
O Concello de Pontecesures, con motivo do Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero que se conmemora o día 25 de novembro, quere amosar o seu firme compromiso contra a violencia de xénero, a manifestación máis cruel e inhumana da desigualdade existente entre mulleres e homes no mundo.
A eliminación da violencia contra as mulleres é un reto de toda a sociedade, unha tarefa conxunta que require unha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación, sempre desde o respecto ao réxime de distribución competencial en todas as accións que se desenvolvan, posto que o traballo que se realiza para conseguir a súa erradicación implica a multitude de axentes, tanto desde o sector público como desde o privado.
Para iso, necesítase un consenso institucional, político e social que mostre, sen fisuras, o compromiso de todas as institucións coa sociedade galega para alcanzar os acordos que permitan avanzar na erradicación da violencia contra as mulleres.
Combater calquera forma de violencia de xénero: violencia física, violencia psicolóxica, violencia económica, violencia sexual, abusos sexuais, acoso sexual e a trata de mulleres e nenas explotadas sexualmente, debe ser unha cuestión de Estado, xa que a violencia contra a muller constitúe unha violación dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais.
Así o esixe a sociedade no seu conxunto xa que, nesta materia, só se conseguen avances se hai un compromiso de todos os sectores políticos e sociais para poñer na axenda, como un asunto prioritario, a loita contra todas as formas de violencia cara ás mulleres, conscientes de que se trata dunha cuestión que nos afecta como sociedade e como país e da que depende o futuro da nosa convivencia.
É unha tarefa que require unha actuación unitaria de todas as forzas políticas e da cidadanía, polo que é necesario seguir traballando na senda da máxima coordinación, colaboración e cooperación entre todos e todas e seguir concienciando á sociedade da necesidade de rematar con esta lacra para entre todos erradicar completamente a violencia de xénero.
Nos últimos anos tense producido notables avances neste eido, pero hai que seguir traballando e acabar con calquera forma de violencia exercida contra a muller coa posta en marcha de leis e medidas para combatela. Entre estas medidas xa postas en marcha, están a aprobación da Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, a Lei 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que supuxo un gran avance na unión de partidos políticos, administracións, institucións e organizacións na formulación de medidas para a erradicación da violencia de xénero.
A concienciación social foi e é esencial para erradicar o problema, por iso a necesidade de alcanzar acordos.
Esta é unha responsabilidade conxunta e por tanto, a solución debe ser compartida.
Agradecemos a solidariedade de todas esas persoas anónimas que mostran as súas condolencias e acompañan os minutos de silencio e fixamos a mirada en quen, ademais, esfórzanse por debilitar a multitude de microviolencias invisibles e sistemáticas que sustentan relacións baseadas no trato desigual.
Reafirmamos o noso compromiso cos dereitos fundamentais da infancia e poñemos de manifesto, novamente, a nosa repulsa e preocupación polo aumento de menores asasinados a mans dos seus pais como instrumento de control e de poder sobre as mulleres.
Comprometémonos a implementar todas as medidas de coordinación interadministrativa para protexer , defender e liberar ás mulleres e menores vítimas da violencia de xénero.
0 comentarios