Valga busca as mulleres que decidiron sacar o carné cando conducir seguía a ser «cousa de homes».

Publicado por Redacción en

O Concello homenaxeará as que obtiveron o permiso antes de 1975.

Achégase o 8 de marzo, o Día Internacional da Muller. E, con ese motivo, estanse a argallar, en todos os rincóns da bisbarra, unha chea de actos reivindicativos vestidos das formas máis diversas. No Concello de Valga adoitan buscar un fío argumental para a celebración do Día da Muller. Non buscan historias refinadas: apostan, máis ben, por recoñecer os méritos cotiás. Eses que son, normalmente, os que marcan diferenzas e abren camiños. Para mostra, o tema escollido este ano polo Concello de Valga, que pretende render homenaxe «a todas aquelas mulleres do municipio que sacaron o carné de conducir antes do ano 1975, ou nese mesmo ano».

Quizais aos máis novos lles sorprenda a temática. ¿Un homenaxe ás condutoras? Pois si. Porque ser condutora non sempre estivo ao alcance das mulleres. Que llo pregunten, se non, ás de Arabia Saudita, que ata o pasado mes de xuño non podían poñerse ao volante sen correr perigo de ser represaliadas.

Na España da ditadura, a cousa non pintaba moito mellor para as mulleres. Daquela, levar o volante do coche -como o da vida- era un privilexio reservado aos homes. E as mulleres máis audaces, que ben por necesidade, ben por elección, decidían tomar o mando dos vehículos, non podían facelo se non tiñan a autorización do seu pai ou do seu home. Por iso, ter sacado o carné antes da chegada da democracia é un mérito que non pode pasar desapercibido. Por esa razón, o Concello de Valga quere focalizar nese feito os actos do 8 de marzo. Pretende, di, «recoñecer ás valguesas que foron pioneiras no mundo da automoción», un espazo que «estivo tradicionalmente dominado por homes, relegando á muller a un segundo plano».

Dende o Concello expresaban onte o seu desexo de que todas as mulleres do municipio que cumpran os requisitos desta convocatoria reciban a homenaxe que tanto merecen. E por esa razón, o alcalde vén de publicar un bando no que solicita a todas elas que, «de formar parte deste grupo», se poñan en contacto co consistorio a través do teléfono 986 559 456. A intención e que todas as que foron, estean no acto de recoñecemento que se celebrará o día 9 de marzo, ás oito da tarde, no auditorio de Cordeiro.


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.