O CONCELLO DE PONTECESURES SÚMASE Á DECLARACIÓN DA FEDERACIÓN ESPAÑOLA DE MUNICIPIOS E PROVINCIAS (FEMP) NO 8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER 2019.
A aprobación da Constitución Española marcou un antes e un despois na vida dunha cidadanía que, ata 1978, vivira sumida nun dos períodos máis escuros da nosa historia recente marcado, entre outros aspectos, pola discriminación contra a muller.
Moitos Concellos, a partir das primeiras eleccións municipais de 1979, comezaron a incluír a dimensión de xénero no conxunto da vida municipal apostando pola creación de centros de asesoría e servizos ás mulleres, contribuíndo á modernización da Administración e á formulación das novas políticas do Estado de Benestar.
En 1983, unha delegación da FEMP formada por 15 Alcaldesas e Concelleiras, ao seu regreso do I Encontro Europeo de Electas Locais e Rexionais de Europa, celebrado en Pisa, elevaba á Comisión Executiva da FEMP unha proposta para a creación dun grupo de traballo sobre a muller.
A partir dese momento, facendo propio que “o persoal é político”, a FEMP puxo sobre a mesa a necesidade de asegurar a progresiva incorporación da muller á sociedade activa, a importancia de revelar o papel que tiñan as mulleres e a urxencia de abordar a recuperación do seu protagonismo a través das políticas locais. Empezouse a falar de igualdade en postos de toma de decisións, de paridade nas asembleas electas e da importancia de contar con mulleres referente.
Logo chegou o II Encontro Europeo de Mulleres Electas Locais e Rexionais, reunido en Santiago de Compostela, en 1986 e con el, a creación dunha Subcomisión da Muller na FEMP, o chamamento para crear as condicións adecuadas para unha maior participación das mulleres e, en definitiva, a estratexia que marcaría a acción futura. Seguíronlle os Encontros Europeos de Mulleres electas locais de Amberes (1988) e de Heidelberg (1992).
“Somos a metade da terra, queremos a metade do ceo e a metade do poder!”. Con estas palabras, Vicenta Bosch i Palanca, Alcaldesa de Bonrepós i Mirambell e Presidenta da Comisión de Igualdade da FEMP en 1991, proclamou as demandas das mulleres con ocasión da Conferencia de Nacións Unidas Beijing + 15, que acolleu Nova York, no ano 2000.
O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, é sempre unha invitación para reflexionar sobre os avances alcanzados en materia de igualdade de xénero e unha oportunidade para centrar a acción e fixar cara a onde queremos dirixirnos. Con todo, cando se cumpren 40 anos de democracia local, esta oportunidade obriga a mirar atrás para non esquecer de onde vimos.
O 3 de abril de 1979, España daba a benvida a “as 103 Alcaldesas do 79”, as primeiras 103 Alcaldesas, mulleres pioneiras e valentes que decidiron dar un paso á fronte e liderar o cambio nos seus pobos e cidades.
40 anos máis tarde, hai 1.565 Alcaldesas en España. Neste tempo, foron as Corporacións Locais quenes introduciron e impulsaron a necesidade de reflexionar ao redor da evolución das políticas de igualdade, ao seu impacto e á súa evolución asumindo o papel de axente de cambio e desvelando as contradicións do sistema, as desigualdades entre mulleres e homes, as discriminacións que sufrían e sofren as mulleres e achegaron solucións desde o coñecemento das persoas e das súas necesidades.
Por todo iso, os Gobernos Locais reunidos na FEMP:
- Convidamos a todas as Entidades Locais a adherirse a esta Declaración e sumámonos a todas as voces que claman por un futuro sen discriminación por razón de xénero, onde homes e mulleres formen parte da nosa sociedade en igualdade de dereitos e responsabilidades.
- Recoñecemos a valentía das 103 Alcaldesas do 79, que abriron o camiño do cambio e que contribuíron a crear referentes para todas as mulleres que hoxe asumen postos de decisión en tantas Corporacións Locais.
- Reafirmamos o noso compromiso coa cidadanía e coas súas necesidades, coa igualdade de trato e de oportunidades e co mandato constitucional que persegue o pleno establecemento dunha igualdade real e efectiva.
- Recoñecemos a importancia de continuar traballando na erradicación das actitudes e os comportamentos cotiáns que, instalados na vida diaria, reproducen e perpetúan a desigualdade.
- Insistimos na necesidade de intensificar os esforzos no desenvolvemento de políticas encamiñadas a fomentar o emprego e o emprendemento, a educación para a igualdade de oportunidades, a incorporación das mulleres na sociedade da información e o apoio ás mulleres que viven no ámbito rural.
- Reclamamos a necesidade de dotar ás Entidades Locais dos medios necesarios para levar a cabo as competencias que nos devolveu o Pacto de Estado en materia de violencia de xénero para garantir o impulso de actuacións que contribúan á convivencia, o progreso e o desenvolvemento social e económico sustentable.
40 ANOS DE DEMOCRACIA LOCAL
0 comentarios