Contaminación de plástico.

Publicado por Redacción en

SALVADOR GARCÍA-BODAÑO

UNHA grave situación está a ameazar á humanidade e dela está a ser responsábel a propia humanidade. As informacións que se nos veñen proporcionando in crescendo nos medios de comunicación adoitan presentar unhas circunstancias precisas e, cada vez máis, alarmantes no que se refire á crecente contaminación de despoxos plásticos e residuais nas augas mariñas das costas galegas e tamén nas fluviais. Neste senso -e transcribo á nosa lingua orixinaria-, recollo a difusión dese recente comunicado emitido pola Xunta de Galicia dende a Consellería do Mar, e transmitido amplamente dende Portos de Galicia, sobor desa recuperación de arredor de 10.000 quilos de residuos nos fondos mariños do molle do concello pontevedrés de Pontecesures.

Unha boa nova tendo en conta que esa actuación se trata dunha das previstas na nova fase do plan de limpeza de dársenas que o ente público está a desenrolar na provincia de Pontevedra como nas outras dúas costeiras dende hai seis anos «co fin de lograr molles máis sostibles dende o punto de vista ambiental». Neste senso, o presidente do ente público, José Juan Durán, explicou que «esta actuación mellora a seguridade nas augas interiores e impulsa a protección da fauna mariña, que se pode ver afectada pola acumulación de residuos nos fondos mariños». Unha actuación que é absolutamente necesario fomentar e expandir por tódolos concellos do litoral para evitar a mortífera contaminación dos ámbitos marítimos con sustancias e obxectos destrutivos da súa fauna.

En National Geographic co título ¿Planeta ou plástico? dísenos (traduzo): «Cada vez máis empresas únense á loita contra o exceso de plástico nos océanos. Zapatillas e camisetas fabricadas a partires de redes de pesca vellas, envases biodegradábeis, empaquetados ecolóxicos…». «O problema do plástico -ao que inicialmente fixen referencia- é un problema global que nos atinxe a todos. En pouco máis de 50 anos, o uso de plástico en tódolos ámbitos da nosa vida aumentou exponencialmente e todas as industrias úsano para crear os seus produtos: dende o sector da automoción ata a industria téxtil, a construción e, por suposto, as embalaxes da comida dos supermercados. Estes materiais, en moitas ocasións, teñen unha vida moi curta, pro botan centos de anos en se degradar e rematan contaminando o medio ambiente». Conforme se indicou en roda de prensa coa directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta, Cruz Ferreira, e o director de xestión local e autonómica da empresa Ecoembes, Ángel Hervella,

Galicia é a que máis medrou, porcentualmente, a reciclaxe de envases lixeiros e de papel e cartón no ano 2018, se ben por baixo da media española A subida porcentual da reciclaxe foi dun 11,1% fronte a 2017, a maior dende que se empezou a reciclar. Hoxe Galicia anda polo cento (97?) de Empresas de Xestión de residuos e reciclado. Do prazo da UE para acadar no 2020 o 50% do reciclaxe xa é imposíbel. Os gobernos teñen que actuar de firme e a sociedade tamén.

Da Real Academia Galega

El Correo Gallego


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.