OBRAS DE REFORMA DOS VESTIARIOS DO CAMPO DE FUTBOL MUNICIPAL RAMÓN DIÉGUEZ .
O equipo de goberno do Concello de Pontecesures ven de adxudicar a obra “Reforma e ampliación dos vestiarios do campo de fútbol municipal de Pontecesures” á empresa GROMA OBRAS S.L. por un importe de 41.583,24€ dos que 23.452,95 son subvencionados pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural “AGADER”, 16.703,97€ son subvencionados pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2019 e 1.426,30€ son aportados polo Concello de Pontecesures.
Tal como se recolle no propio proxecto, os actuais vestiarios teñen unha capacidade moi reducida para a cantidade de deportistas que fan uso do campo de fútbol, tanto afeccionados como profesionais. Esta falta de capacidade maniféstase de maneira especial cando se celebran torneos con varios equipos, e máis aínda cando se trata de equipos ou torneos mixtos, xa que non resulta posible facilitar espazos de vestiarios para equipos masculinos e femininos. Trátase, ademais, duns vestiarios cunha construción e acabados moi básicos, o que unido a antigüidade das instalacións, fan que resulten actualmente moi deficientes. Presentan, ademais, problemas para dar servizo a persoas con capacidade reducida, tanto para a accesibilidade aos propios vestiarios e servizos, como de uso das propias instalacións.
Nunha única actuación, a de “Reforma e Ampliación dos Vestiarios do Campo de Fútbol Municipal”, preténdese emendar, dentro dos medios dispoñibles, todas as eivas detectadas, aumentando a capacidade dos vestiarios, posibilitando así dispoñer de vestiarios masculinos e femininos nos momentos nos que sexa preciso, e mellorando as condicións de salubridade e accesibilidade das instalacións actuais.
0 comentarios