Folga de recollida de lixo hoxe en nove concellos polo cativo plus de tóxicos.

Publicado por Redacción en

Afectaralle a Ames, Brión, Rois, Lousame, Noia, Muros, Carnota, O Son e Pontecesures.

Os traballadores da planta de xestión de lixo da Mancomunidade Serra de Barbanza en Servia (Lousame) poranse hoxe en folga para reclamar un plus de tóxicos acorde co das outras instalacións galegas. Por iso, non haberá recollida nos dous concellos maiáns (Ames e Brión) e máis en Rois, Lousame, Noia, Muros, Carnota, Porto do Son e Pontecesures.

Segundo explicou Paulo Rubido, representante da CIG, nunha convocatoria xunto con CC OO e UGT, preténdese axeitar o convenio colectivo co estatal, que pasa pola consecución dun plus de tóxicos do 25 % para todos os empregados que traballan no sector do lixo, «co agravante de que, na planta lousamiá, existe un contacto máis directo, dado que a separación faise manualmente», e son as traballadoras as que separan, a man, o lixo.

O representante sindical salientou ademais que, precisamente por este feito, «esta planta é a que ten mellor resultado do Estado español e sexa considerada a segunda mellor planta de recuperación e reciclaxe de Europa». Rubido denunciou tamén a diferenza salarial existente porque, co incumprimento dese plus de tóxicos, «quen traballa en Lousame cobre até case un 45 % menos que un traballador ou traballadora que desenvolva o mesmo traballo, na mesma categoría, nas instalacións de Sogama, en Cerceda; ou que cobre un 16-17 % menos que un traballador ou traballadora da de Albada».

A folga inicialmente está convocada só para esta xornada, pero supón, en verbas da CIG, un «aviso a navegantes», xa que podería alongarse durante todas as festas do Nadal.

El Correo Gallego


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.