O Náutico Pontecesures faise con tres dos catro títulos do Galego de Promesas.
Anos leva o Náutico Pontecesures probándose o mellor equipo do segmento promesas do piragüismo de formación tanto a nivel autonómico como estatal. Non podendo demostralo esta tempada no eido español, a pasada fin de semana o equipo do Baixo Ulla ratificou o seu dominio no Campionato Galego de Promesas da modalidade esprint.
O sábado, na xornada reservada á categoría infantil, o Náutico Pontecesures fíxose coa clasificación xeral feminina sumando 266 puntos, polos 170 do Piragüismo Verducido, segundo, e polos 131 do Ría de Betanzos. Ademais, ese día acabou terceiro na clasificación masculina con 263 puntos, por detrás do vencedor, o Náutico Firrete, con 301, e do Piragüismo Poio, con 277. O domingo o conxunto do Baixo Ulla gañou as dúas xerais da categoría cadete.
Seis podios individuais
A nivel individual, os padexeiros do sur da ría de Arousa fixéronse coa metade dos títulos autonómicos en xogo no Campionato Galego de Promesas. Na categoría infantil, Antón Dorado, do Piragüismo Illa de Arousa, colgouse o ouro no K1 A, con Jairo Zurita, das Torres-Romaría Vikinga, facendo o propio no C1 B e con Natalia Varela, do Náutico Pontecesures, no C1 A.
Pola súa parte, Borja Castiñeiras, do Náutico Pontecesures, e as breoganistas Valeria Oliveira e Carmen Devesa conquistaron os títulos cadetes de canoa, os dous primeiros, e de kayak feminino a terceira.
La Voz de Galicia
0 comentarios