Fran Devesa lidera a candidatura coa que o BNG volverá dar a batalla pola alcaldía de Valga

Publicado por Redacción en

Encabeza unha lista completamente renovada que pretende «devolver a ilusión» á veciñanza ante o «agotamento» do goberno de Bello Maneiro

No ano 2015, o BNG desapareceu da vida política de Valga. A agrupación local do Bloque quedara tocada por unha serie de problemas internos e, cando aínda non tivera tempo de se recuperar, a crise que ameazou con esnaquizar á formación acabou desencantando a moitos militantes, que no caso de Valga decidiron marchar para as súas casas. Un daqueles militantes foi Fran Devesa, que durante todo este tempo seguiu sendo militante do BNG, malia que non puidera exercer como tal na súa vila. Ata hai aproximadamente un ano, cando «apareceu un grupo de xente nova» e con gañas de reactivar a agrupación. Daquel primeiro movemento ven de nacer a que será a candidatura coa que o BNG se presentará ás eleccións de maio en Valga. Á fronte estará Fran Devesa, empresario do sector do turismo e veciño da parroquia de San Miguel.

Explica Devesa que se aceptou asumir este reto e embarcarse nesta aventura foi porque ten a certeza de que non está so: segundo afirma, o Bloque foi quen de artellar unha candidatura formada por xente chea de ideas, de ilusión e de gañas de traballar. «É unha candidatura moi renovada, temos moitísima xente nova», sinala. A lista non está cerrada completamente, e a intención é incorporar á mesma «a referentes do BNG en Valga», simbolizando dese xeito o renacemento na vila do proxecto nacionalista.

A hora de debullar o programa electoral do BNG de Valga está por chegar. De momento, Fran Devesa explica que no Concello hai máis traballo por facer que nunca. «Estes últimos mandatos do actual goberno [presidido por Bello Maneiro (PP)] están a ser un desastre. Non hai proxecto, non hai ideas e non hai ganas, o que se pode comprobar botándolle un ollo a como está todo. Valga está abandonada». Conseguir ilusionar á veciñanza desta localidade con ideas e iniciativas é o reto que se ten marcado o BNG, unha formación que parece ter logrado recompoñerse nesta vila e que arrinca «con humildade» pero disposta a ir «a por todas».

Diario de Arousa

Categorías: Sin Categoria

0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.