Beatriz Rei do BNG de Padrón: “O que temos claro é que o PP non debe continuar”
Os nacionalistas apostan polo cambio e decidirán a súa postura nunha asemblea de militantes
Beatriz Rei
“Se algo temos claro no BNG e que non lle imos facilitar nada ao PP e que non debe continuar no goberno”, di a concelleira do Bloque Nacionalista Galego, Beatriz Rei, que repite acta tralas eleccións do 28-M.
Rei explica que aínda non iniciaron as negociacións cos socialistas, “falamos algo por teléfono, pero ata a vindeira semana non nos reuniremos. Alí coñeceremos o proxecto e como queren xestionar o Concello, e despois decidiremos na asemblea local do BNG cal vai ser a nosa postura, tanto na investidura como na lexislatura”.
Con respecto ao resultado que deixaron as urnas o 28M, a candidata nacionalista afirma estar satisfeita, “porque nós apostabamos polo cambio e este chega, despois de dúas lexislaturas de despropósitos do goberno de Antonio Fernández Angueira. É hora de traballar por e para o pobo”, argumenta.
De calquera xeito, asegura que os nacionalistas “non lle van dar unha carta en branco a ninguén, pero repito que o que si temos moi claro, e que ao PP non lle facilitaremos nada. Foi un goberno sen capacidade de dialogar; eu espero e que a próxima semana poñamos enriba da mesa os proxectos e dialoguemos pensando en Padrón”.
El Correo Gallego
0 comentarios