PRESENTACIÓN DO LIBRO DE DIANA KURICH «FEITAS AO SISEL» EN VALGA
A Asociación Cultural Os Penoucos colabora na presentación do libro de Diana Kurich «Feitas ao sisel», que terá lugar este sábado 14 de xullo, ás 21:00 horas, no Auditorio de Cordeiro (Valga).Un poemario que acaba de levar o primeiro premio de poesía erótica das Illas Sisargas en Malpica. Vai ser un espectáculo excepcional con moito arte e diversión! Non é unha presentación calquera, senón todo o contrario… A POESÍA, A MÚSICA E O BAILE únense para formar parte deste espectáculo que non te vai deixar indiferente. Non poderás de deixar de mirar ao escenario.
Diana Kurich naceu na Aldea dos Rebeldes en Campaña,Valga, aínda que actualmente vive na Cidade de Pedra máis coñecida como Santiago de Compostela. Pertence á xeración onde para ser escrava é preciso estudar e así o fixo. Coleccionou títulos no ensino regrado ata atopar o que máis a definía e converteuse en mestra de música.Para financiar tan cara ousadía traballou de taberneira onde coñeceu a maioría da súa rede de afectos actual e da que tanto aprende. As súas publicacións até do de agora reducíronse ao que ela denomina «rexistros efímeros de rúa», só recollidos en formato emocional. Milita activamente en organizacións que comparten a interseccionalidade das loitas e sempre o fan a través da música e na rúa.En segredo colecciona palabras nun tarro de cristal, sementa afectos debaixo dos lastros, baila na punta do pé, toca algún que outro instrumento e sabe (porque así llo ensinaron) dar puntadas sen fío.
21 NOTICIAS
0 comentarios