Padrón nomea Peregrino de Honra a José Antonio de la Riera Autrán.
O Concello de Padrón distinguirá a José Antonio de la Riera Autrán co premio Padrón, Berce do Xacobeo, un galardón que implica o seu nomeamento como Peregrino de Honra e que o acredita como embaixador padronés e do Camiño. O acto, que se enmarca na celebración do Día do Peregrino, desenvolverase o venres 21 ó mediodía na igrexa parroquial de Santiago de Padrón. Nado en Vigo en 1953, José Antonio de la Riera Autrán é fundador da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, entidade que foi recoñecida co Premio Elías Valiña 2004 á recuperación dos Camiños de Santiago, un galardón que conceden a Xunta e o Comité Internacional de Expertos do Camiño. Ademais, é fundador da FICS e actual vocal de comunicación da Fraternidad Internacional del Camino de Santiago, que acolle a peregrinos de 29 países. Con esta distinción, o Concello pon en valor tamén a experiencia como peregrino e hospitaleiro dunha das persoas máis implicadas no estudo, conservación, defensa e promoción do Camiño. O premio Padrón, Berce do Xacobeo foi instaurado en 2017 polo Concello para destacar o traballo de persoeiros relevantes a prol do Camiño e para que exerzan como embaixadores de Padrón nas rutas xacobeas.
El Correo Gallego
0 comentarios