Catro veciñas da avenida da Coruña de Valga gañan o certame Anguía Chef.
Mónica, María, Sandra e Laura conquistaron ao xurado cun pastel.
Tiveron que superar unha cata a cegas de ingredientes e responder un test cultural.
Mónica, María, Sandra e Laura gañaron cun pastel de anguía con capas superpostas de puré de pataca.
O concurso Anguía Chef, organizado polo Concello de Valga no marco do Agosto Gastronómico para buscar aos mellores cociñeiros valgueses de anguía, xa ten gañadoras: un grupo de veciñas da avenida da Coruña que protagonizaron unha divertida batalla de sexos aos fogóns e que conquistaron aos membros do xurado co prato O ollo da anguía.
Mónica, María, Sandra e Laura fronte a Sergio, José, Arturo e Iván, e catro probas culinarias pero tamén culturais para proclamar aos vencedores. Os aspirantes a mellores cociñeiros tiveron que demostrar a súa destreza e rapidez desespiñando anguía, un dos procesos máis laboriosos no cociñado deste peixe.
Os concursantes sometéronse a unha cata a cegas de ingredientes.
O xurado tamén puxo a proba o sentido do gusto dos participantes, cunha cata a cegas na que tiveron que recoñecer ingredientes como noces de macadamia, algas ou vinagre de módena, entre outros.
Asimesmo, avaliáronse os seus coñecementos sobre a historia e cultura de Valga, con preguntas como en que ano morreu a Bella Otero, cando comezou a celebrarse a Festa da Anguía ou que bispo se di que está enterrado na contorna da capela dos Martores.
Cada unha destas probas outorgou unha serie de vantaxes aos equipos para a gran final, na que os dous equipos tiveron que cociñar unha mesma receita: un pastel de anguía con ingredientes como pataca cocida, aguacate, maionesa ou cebola, ademais do peixe estrela de Valga como produto principal.
O xurado, que valorou cuestións como a limpeza, o empratado e o sabor, deu a ambos equipos a receita básica para elaborar os pratos, pero deixando nas mans dos participantes os aliños e o tratamento da anguía, para que demostrasen a súa creatividade e arte culinaria.
Ademais, a medida que pasaba o tempo, introducíronse diferentes retos que convertiron o cociñado nunha competición do máis divertida que ata contou con público e animación para ambos bandos.
O equipo masculino, formado por Sergio, José, Arturo e Iván, preparou o prato ‘Anguía en dúas texturas’.
Sabotear aos rivais
Roubar algún ingrediente ou utensilio aos contrincantes, sabotear ao rival ou cambiar de equipo durante uns minutos foron algunhas destas probas ás que se someteron.
E, a pesar de partir da mesma receita, os resultados da competición foron bastante diferentes. Os homes presentaron o prato Anguía en dúas texturas: unha cama de puré de patacas e maionesa de soia, sobre ela aguacate e tomate e anguía rebozada e cocida con vinagreta.
Pola súa banda, o equipo feminino bautizou a súa elaboración como O ollo da anguía, pola súa similitude con esta parte do rostro. Era un pastel de anguía no que se superpoñían capas de puré de patacas con lima, maionesa de trufa, cebola, tomate e anguía cocida en salpicón. A receita completouse con anguía crocante.
O concurso desenvolveuse no parque Irmáns Dios Mosquera entre o xoves 17 e o venres 18 de agosto.
La Voz de Galicia
0 comentarios