Diego Anido gaña o premio de interpretación teatral Maruxa Villanueva que concede Padrón.
O actor de As Bestas e O Deus do pop Levará 1.200 euros
Valorouse a súa dedicación ao teatro e audacia creativa
O actor compostelán Diego Anido converteuse no gañador da 23ª edición do Premio de interpretación teatral Maruxa Villanueva que outorga o Concello de Padrón e que conleva a entrega de 1.200 euros, un diploma acreditativo e unha figura do busto da actriz Maruxa Villanueva nun acto que terá lugar nos vindeiros meses na capital do Sar.
O xurado, presidido polo alcalde Anxo Arca, quixo recoñecer así a dilatada traxectoria do galardoado en distintas facetas do eido teatral, así como a súa capacidade para innovar e construír novas linguaxes fixándose sobre todo no seu labor de investigación, creación e interpretación na peza O deus do pop. Diego Anido, que se fixo coñecido para o gran público grazas ao seu papel de Lorenzo na premiada película As bestas, atesoura varias décadas de traballo no mundo do teatro non só como actor senón tamén como autor. En O deus do pop, obra coa que percorreu Galicia ao longo do pasado ano, desenvolveu as tarefas de escritura, dirección, escenografía, música, coreografía e interpretación.
O galardón valora a súa dedicación tanto ao teatro de obxectos como ao teatro físico ao longo da súa carreira e salienta a súa “audacia creativa” así como o labor que vén desenvolvendo na “construción dramatúrxica dende as linguaxes híbridas”.
El Correo Gallego
0 comentarios