O TSXG acorda a suspensión cautelar do parque eólico de Castro Valente.
O proxecto xa contaba coa autorización da Xunta ▶ O BNG da Estrada considera esta nova “esperanzadora” e agarda o mesmo resultado para o de Xesteiras.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de acordar a suspensión cautelar do proxecto do parque eólico de Castro Valente, na Estrada, que xa contaba coa autorización da Xunta de Galicia. Así o anunciou este martes a sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG coa emisión dun auto.
Dende o BNG de A Estrada valoraron esta decisión como “unha boa nova” e o voceiro nacionalista da Estrada, Xoán Reices, considéraa “esperanzadora para outros parques eólicos en trámite no noso concello”.
O edil nacionalista, así mesmo, considera que a suspensión cautelar de Castro Valente pode ser “unha boa nova para todos os veciños e veciñas que están loitando contra o parque eólico de Xesteiros“, un proxecto da empresa Norvento para os montes de Vea. “Hai que lembrar que Xesteiros e Castro Valente comparten a liña de evacuación, se un parque cae, cabe pensar que isto tamén pode repercutir na execución co segundo, mais imos ser prudentes e agardar acontecementos”, augurou Reices.
Por outra parte, o BNG insta ao alcalde da Estrada a remitir a copia do recurso que presentou o Concello contra a autorización administrativa previa do parque eólico de Xesteiros. “Solicitámola hai un mes”, explica Reices, “supoñemos que o alcalde non ten nada que agochar, pero esta demora non é comprensible”, critica.
Diario de Pontevedra
0 comentarios