Conflito nun edificio de Padrón polo ruído dun ximnasio: «Parece una sala de tortura».
O Goberno municipal abriu un expediente e levará a cabo medicións de son no inmoble.
Os veciños do edificio Mahía de Padrón, especialmente aqueles que viven nos primeiros pisos, din non dar soportado a carga de ruído procedente do ximnasio instalado na planta baixa deste inmoble. Trátase dunhas instalacións que levan en funcionamento xa varios anos, pero que, critica Luis Dell, propietario dunha vivenda xusto enriba do local comercial destinado a esta fin, se foi ampliando en superficie e horarios co tempo ata ser —denuncia— incompatible con bos hábitos de descanso.
Este centro deportivo, ao que os socios poden acceder facendo uso dunha tarxeta que permite entrar ao interior das instalacións, funciona en horario ininterrompido dende as seis da mañá ata entrada a medianoite, sen que —expoñen fonten veciñais— se teñan feito as pertinentes obras de insonorización e illamento do local. «Está en precario totalmente», asegura Dell, que tamén pon en cuestionamento que a ampliación do ximnasio se teña feito cos permisos e licenzas necesarias.
Por este motivo, os residentes no edificio elevaron ao Concello de Padrón unha queixa que ten resultado na apertura dun expediente administrativo para esclarecer esta situación e adoptar as medidas necesarias para solucionala. Dende o Goberno municipal confirman que xa se ten contratado a unha empresa externa para realizar as medicións de son da contorna para saber se se están a traspasar os niveis máximos permitidos.
Así mesmo, un técnico do Concello visitará o ximnasio para tomar nota do estado das instalacións. En calquera caso, dende a Administración local trasladan que, aínda que a súa intención é atender estes requerimentos «canto antes», dispoñen de recursos «limitados» e están a atender as solicitudes de todos os veciños do municipio «en rigoroso orde de entrada», polo que a visita ao edificio Mahía producirase cando chegue a súa quenda.
Ademais do balbordo dun ximnasio que chega a ter –asegura Dell– ata sesenta ou setenta persoas no seu interior durante as clases máis concorridas, este veciño pon o foco nas fortes vibracións que causan os impactos das pesas contra o chan. «Máis que unha sala de musculación parece unha sala de tortura», ironiza o residente na primeira planta, que lamenta non ter ningunha xornada tranquila, posto que o local abre os 365 días do ano no amplo horario mencionado anteriormente.
- La primeira planta, coma el, vive outra ducia de veciños, os máis afectados polos ruídos nun inmoble no que residen medio cento de persoas. «Non temos moita forma de chegar ao responsable último destas queixas», engade Dell, xa que o ximnasio cambiou de titularidade varias veces nos últimos anos e, aínda que teñen trato cos monitores, non coñecen aos propietarios do negocio. Dende EL CORREO GALLEGO intentouse contactar cos responsables sen que fora posible ata o de agora.
EL CORREO GALLEGO
0 comentarios