Malestar en Padrón: dez días sen pasar un tren rexional.
O exedil de Pontecesures Luís Sabariz denuncia diante da Xunta o malestar veciñal.
Trátase do treito que une Angueira de Suso e Vilagarcía de Arousa, de 27,7 quilómetros.

O exedil de Pontecesures Luís Sabariz denuncia o malestar veciñal debido a que, dende hai uns dez días, non circulan pola vía convencional os trens rexionais que paran nas estacións de Padrón, Catoira e Pontecesures, “ocasionándose un grave prexuizo para o cada vez maior número de usuarios do servizo nestas vilas”. Trátase, segundo o seu parecer, de afectados que son “fundamentalmente traballadores, estudantes e doentes que acoden a consultas médicas e hospitais”.
“Aínda que hai un servizo de autobuses alternativo, os retrasos, a necesidade de facer transbordos, as incomodidades e a desinformación está a indignar a todos xa que non se entende o que está a pasar”, prosigue. Tamén tilda de “incríbel” que “logo de dez días non estean solucionadas as deficiencias, de habelas, no traxecto só de 27,7 quilómetros, nin tampouco se entenden as diferencias Renfe/Adif á hora de reanudar a circulación pola vía en cuestión”. As incidencias relacionáronse, nalgúns casos, cos últimos temporais e o mantemento das infraestruturas.
Nun par de xornadas
“Sentímonos discriminados, pois nas grandes cidades do Eixo Atlántico a situación solucionouse nun par de días, pero parece que a nós deixanos nunha situación de abandono e desamparo evidente”, lamenta a mesma fonte.
O escrito, remitido a Mobilidade, refírese a interrupción do servizo ferroviario na vía convencional Angueira de Suso (Padrón)-Vilagarcía de Arousa, que ten 27,7 quilómetros.
El Correo Gallego
0 comentarios