Unha manifestación histórica berra «non» ao ERE de Nestlé.
Veciños de toda a comarca participaron nunha protesta sen precedentes en Pontecesures: «Estes 27 despidos aféctannos a todos, directa ou indirectamente»
Pontecesures viviu onte unha xornada de protesta laboral histórica e sen precedentes na mente dos veciños e veciñas da localidade. Puntuais coma un reloxo de corda, ás 12.00 horas unha marcha formada por traballadores, representantes políticos, familias, comerciantes, hostaleiros e veciños partía da praza de Pontevedra ao berro de «Non ao ERE de Nestlé». Persoas de todas as idades inundaban as rúas da localidade para demostrar que ninguén está a salvo deste mazazo económico: «Estamos falando de 27 traballadores cuxo posto de traballo está en perigo, coas súas 27 familias detrás, eles son os principais afectados pero hai que pensar tamén no impacto económico e social para toda a vila», explicaba a alcaldesa de Pontecesures, Maite Tocino. Os sindicatos sitúan a participación por riba das 500 persoas.
Incerteza e preocupación
A fábrica cesureña é a máis afectada polo recorte de persoal, que acadará ao 14% dos traballadores. Unha medida «desproporcionada» para o comité de empresa, máis tendo en conta o ritmo de produción e os beneficios da firma: «En breve imos empezar a traballar os sete días da semana porque estamos no pico de produción; estamos tendo problemas para que os traballadores collan as vacacións e, a pesar de todo, segue sobre a mesa o despido de 27 traballadores… parécenos o cumio da incoherencia», explicaba Sandra Seoane, presidenta do comité.
De portas para dentro, incerteza total. Unha ruleta rusa que pode tocar na porta de calquera, máis alá de Pontecesures mesmo, porque a fábrica dá traballo a veciños de Dodro, Padrón ou Vilagarcía, entre outros. Gustavo Miguéns leva 14 anos e medio traballando en Nestlé, e varias semanas cunha presión no peito porque non sabe se chegará a cumprir os quince: «O ambiente está raro, estamos tristes, preocupados… é un sinvivir. Teño familia á que manter, ademais de a min mesmo, por suposto», explica.
Polo de agora a empresa non especificou a que sección da fábrica afectará, nin deu máis detalles. «Na fábrica non somos capaces de falar doutra cousa», explica Rocío Martínez, que leva case vinte anos en Nestlé. Esta espera tensa provoca un desgaste mental que afoga tamén ás familias. É o caso de Nerea, unha moza cuxa nai traballa na fábrica: «Miña nai leva 14 anos traballando… está moi nerviosa, todos o estamos porque foi moi inesperado», explica. A rapaza sinala a importancia de mobilización porque «se non es ti o que traballa e algún familiar, algún veciño ou algún amigo… aféctanos a todos directa ou indirectamente».
A marcha avanzou polas rúas San Luis e Sagasta baixo o lema «Non á lista de Pablo Isla», presidente da compañía dende finais do ano pasado. Non había ninguén que puidese retirar a mirada da marcha, nin os numerosos peregrinos que a media mañá cruzaban a localidade en dirección a Padrón, e que tamén se paraban a observar en sinal de respecto. A comitiva seguiu ata chegar ás portas da fábrica, na que hoxe non había ninguén traballando, onde a presidenta do comité leu un manifesto. «Non nos cremos que a empresa estivese tan mal xestionada ata o de agora como para que, de un día para outro, sobren 27 persoas», explicaba Seoane. «Pedimos que se rectifique esta decisión baseada en criterios externos que non se axustan á realidade da fábrica de Pontecesures», reclamou.
Desde o comité de empresa aseguran que seguirán «loitando polos traballadores», o que implicará, segundo temen, máis mobilizacións e accións de protesta que concretarán o vindeiro luns tras unha reunión.
O perfil dos afectados: veciños da comarca e mozos
O comité asegura que o perfil dos afectados será previsiblemente xente nova: «A maioría do cadro de persoal, que está formado por 194 traballadores de todas as seccións, son menores de 50 anos», explicaba Sandra Seoane, que leva quince anos en Nestlé. Segundo apunta, hai unha década deuse un importante relevo xeracional, potenciado por un amplo número de xubilacións: «Para facernos unha idea, maiores de 50 anos agora mesmo na fábrica pode haber só unha ducia de persoas, é dicir, que poucos serán tamén os que se poidan acoller a unha xubilación», engade.
Desde o comité explican que nos últimos anos non se produciron contratacións, xa que a situación se estabilizou tras a pandemia. «Estamos preocupados porque colleunos de sorpresa pero imos a pelexalo ata o final», pecharon.
Las Voz de Galicia
0 comentarios