No pleno ordinario do 31 de xaneiro pasado, o alcalde de Pontecesures, Manuel Luis Álvarez Angueira, anunciou o nome dunha empresa que ía ocuparse do mantemento da caldeira do CPI Pontecesures, recentemente reparada pola consellería de Educación (nestes días estanse a acometer ademais pola administración autonómica importantes obras de mellora do sistema de calefacción do colexio).
Aos poucos días a ACP solicitou por escrito ao alcalde autorización para comprobar o acordo e o expediente seguido para a designación da empresa en cuestión coa documentación da mesma, labores a realizar, periodicidade, prezo, etc… Pasou máis dun mes e non obtivemos contestación algunha coa estrañeza conseguinte.
No seguinte pleno ordinario, celebrado o pasado 26 de marzo, o grupo municipal do PP (que tamén solicitou autorización para a consulta), preguntou por que non se contestaba a súa petición relativa o mantemento da caldeira do colexio, e o alcalde falou de que se había esquecido do tema anunciando que ía dar ordes par que se puideran comprobar as actuacións.
Pero o tempo pasa, e a ACP non recibe comunicación algunha. Non entendemos o que está a suceder neste tema da caldeira e o seu mantemento. O concelleiro de educación, Roque Araújo, anunciou tamén hai pouco a decisión sobre as tarefas de mantemento, pero dende a oposición observamos que hai unha situación confusa que non se nos aclara.
Solicítase tanto ao alcalde como ao concelleiro de educación que a autorización para consultar o expediente sexa inmediata. Non se pode privar á oposición da realización da súa función de fiscalización e control das tarefas de goberno.
Pontecesures, 3/4/12
Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP de Pontecesures