Araújo tira contra o PP.
«Hai que esquecer prepotencias»
Araújo é actualmente o secretario xeral do PSOE en Pontecesures e o coordinador comarcal do partido. Aínda que formou parte outras veces da lista, esta é a primeira vez que a encabeza.
-¿Como afrontan estas eleccións despois de estar catro anos fóra do pleno?
-Animados e con gañas de cambio, como fixemos nós mesmos. Ese cambio é necesario. Sobre todo un cambio de actitudes. Hai que esquecer as prepotencias, o individualismo e a procura do protagonismo político.
-¿Fálame vostede de Sabariz?
-Pois si. Queremos fuxir diso.
-Moitas listas, ¿non si?
-Moitas, pero a democracia é así.
-¿E por que pasa isto?
-Porque moitos que alardean de actitudes democráticas non as executaron no seo do seu propio partido.
-¿E agora me falla do PP?
-Pois si. As dúas novas listas son escisións súas.
-¿Cal é a súa quiniela?
-Non me atrevo a facela, pero nós imos acadar un bo resultado. Estamos con moitas gañas e temos propostas atractivas para que Pontecesures recupere os anos que leva perdidos, nos que outros concellos nos pasaron por diante.
-Fáleme de algunhas desas propostas…
-No económico, queremos apostar polo río, tanto na promoción da lamprea como produto de calidade como porque é un atractivo turístico. Propoñemos tamén crear unha empresa de servizos sociais creada e dirixida por mulleres. Para a mocidade, apostar por obradoiros sobre novas tecnoloxías e promover o autoemprego para loitar contra o paro. Nese eido tamén apostamos por un centro tecnolóxico do aluminio que traballe cas empresas deste ramo. Tampouco se está aproveitando ben o GDR e as posibilidades que ofrece na promoción da agricultura ecolóxica.
-Son tempos de darlle ao coco…
-Claro. E de apostar pola conciliación, cun comedor escolar ou conseguindo que as actividades escolares se fagan no colexio, por exemplo.
Roque Luis Araújo Rey
25 de setembro de 1967, Vilagarcía
Casado e ten un fillo
Traballa nunha axencia de publicidade
LA VOZ DE GALICIA, 05/05/11


