Dende a Delegación da Consellería de Traballo solicitaron ao concello de Pontecesures que propuxera, coma tódolos anos, as dúas festas locais para publicar nos xornais oficiais concedendo un prazo que remata o 20 de setembro.
O artigo 2º do Decreto 130/2006 da citada consellería polo que se determina o calendario laboral para 2007, contempla que as dúas festas locais serán determinadas polo delegado de Traballo, a proposta do Pleno dos respectivos concellos.
A pesar da claridade da norma, o alcalde Sr. Alvarez Angueira, mediante resolución de 08.09.06, e antes de delegar as funcións do cargo na 1ª tenente de alacalde entres os días 9 e 14 de setembro por disfrutar dun período de vacacións, decide pola súa conta fixar as festas locais sen esperar a pleno algún e sen consultar coa oposición para nada este tema.
Sen entrar a valorar a súa decisión (fixou como festivos locais o 8 de xaneiro San Xulián xa que o propio día que é o 7 cae en domingo, e o día 2 de xullo Luns do Carme) resulta sorprendente que o alcalde incumpla a normativa privando ao pleno (no que por certo está en minoría) de facer a proposta sobre as festas locais.
A ACP denuncia que o alcalde xa leva dous plenos ordinarios sen comparecer e nos que o goberno municipal non propuxo acordo algún. Evita o debate, non quere respostar ás preguntas, non da cumprimento aos acordos adoptados e agora priva ao máximo órgano colexiado do concello que decida un asunto previsto na normativa.
Esta e a capacidade de diálogo e de tolerancia da que fala o Sr. Alvarez Angueira. Quere dirixir a xestión de xeito unilateral sen contar con ninguén despreciando aos representantes das outras forzas políticas que forman parte do pleno da corporación.
Luis Angel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP de Pontecesures