A aprobación da Constitución Española marcou un antes e un despois na
vida dunha cidadanía que, ata 1978, vivira sumida nun dos períodos máis escuros
da nosa historia recente marcado, entre outros aspectos, pola discriminación
contra a muller.
Moitos Concellos, a partir das primeiras eleccións municipais de 1979,
comezaron a incluír a dimensión de xénero no conxunto da vida municipal
apostando pola creación de centros de asesoría e servizos ás mulleres,
contribuíndo á modernización da Administración e á formulación das novas
políticas do Estado de Benestar.
En 1983, unha delegación da FEMP formada por 15 Alcaldesas e
Concelleiras, ao seu regreso do I Encontro Europeo de Electas Locais e
Rexionais de Europa, celebrado en Pisa, elevaba á Comisión Executiva da FEMP
unha proposta para a creación dun grupo de traballo sobre a muller.
A partir dese momento, facendo propio que “o persoal é político”, a FEMP
puxo sobre a mesa a necesidade de asegurar a progresiva incorporación da muller
á sociedade activa, a importancia de revelar o papel que tiñan as mulleres e a
urxencia de abordar a recuperación do seu protagonismo a través das políticas
locais. Empezouse a falar de igualdade en postos de toma de decisións, de
paridade nas asembleas electas e da importancia de contar con mulleres
referente.
Logo chegou o II Encontro Europeo de Mulleres Electas Locais e Rexionais,
reunido en Santiago de Compostela, en 1986 e con el, a creación dunha
Subcomisión da Muller na FEMP, o chamamento para crear as condicións adecuadas
para unha maior participación das mulleres e, en definitiva, a estratexia que
marcaría a acción futura. Seguíronlle os Encontros Europeos de Mulleres electas
locais de Amberes (1988) e de Heidelberg (1992).
“Somos a metade da terra, queremos a metade do ceo e a metade do
poder!”. Con estas palabras, Vicenta Bosch i Palanca, Alcaldesa de Bonrepós i
Mirambell e Presidenta da Comisión de Igualdade da FEMP en 1991, proclamou as
demandas das mulleres con ocasión da Conferencia de Nacións Unidas Beijing +
15, que acolleu Nova York, no ano 2000.
O 8 de
marzo, Día Internacional da Muller, é sempre unha invitación para reflexionar
sobre os avances alcanzados en materia de igualdade de xénero e unha
oportunidade para centrar a acción e fixar cara a onde queremos dirixirnos. Con
todo, cando se cumpren 40 anos de democracia local, esta oportunidade obriga a
mirar atrás para non esquecer de onde vimos.
O 3 de
abril de 1979, España daba a benvida a “as
103 Alcaldesas do 79”, as primeiras 103 Alcaldesas, mulleres pioneiras e
valentes que decidiron dar un paso á fronte e liderar o cambio nos seus pobos e
cidades.
40 anos
máis tarde, hai 1.565 Alcaldesas en
España. Neste tempo, foron as Corporacións Locais quenes introduciron e
impulsaron a necesidade de reflexionar ao redor da evolución das políticas de
igualdade, ao seu impacto e á súa evolución asumindo o papel de axente de
cambio e desvelando as contradicións do sistema, as desigualdades entre
mulleres e homes, as discriminacións que sufrían e sofren as mulleres e
achegaron solucións desde o coñecemento das persoas e das súas necesidades.
Por todo
iso, os Gobernos Locais reunidos na FEMP:
Convidamos a todas as Entidades Locais a
adherirse a esta Declaración e sumámonos a todas as voces que claman por un
futuro sen discriminación por razón de xénero, onde homes e mulleres formen
parte da nosa sociedade en igualdade de dereitos e responsabilidades.
Recoñecemos a valentía das 103 Alcaldesas do
79, que abriron o camiño do cambio e que contribuíron a crear referentes para
todas as mulleres que hoxe asumen postos de decisión en tantas Corporacións
Locais.
Reafirmamos o noso compromiso coa cidadanía e
coas súas necesidades, coa igualdade de trato e de oportunidades e co mandato
constitucional que persegue o pleno establecemento dunha igualdade real e
efectiva.
Recoñecemos a importancia de continuar
traballando na erradicación das actitudes e os comportamentos cotiáns que,
instalados na vida diaria, reproducen e perpetúan a desigualdade.
Insistimos na necesidade de intensificar os
esforzos no desenvolvemento de políticas encamiñadas a fomentar o emprego e o
emprendemento, a educación para a igualdade de oportunidades, a incorporación
das mulleres na sociedade da información e o apoio ás mulleres que viven no
ámbito rural.
Reclamamos a necesidade de dotar ás Entidades
Locais dos medios necesarios para levar a cabo as competencias que nos devolveu
o Pacto de Estado en materia de violencia de xénero para garantir o impulso de
actuacións que contribúan á convivencia, o progreso e o desenvolvemento social
e económico sustentable.
Aos 72 anos de idade morreu a veciña do Castro, 15, Mª Flora Buceta Vigo, que estaba casada con Antonio González González. O velorio está instalado no Tanatorio Iria Flavia de Padrón. Hoxe venres ás 17 horas terá lugar o funeral na Igrexa de Pontecesures. Os restos mortais recibirán sepultura logo no cemiterio parroquial de Campaña.