Hai uns días solicitei ao alcalde por escrito autorización para consultar tres facturas do mesmo taller de arranxo de vehículos municipales (dúas do Nissan Patrol de Protección Civil que suman 2.220,93 euros e outra do camión de obras de 1.655,86 euros) co obxecto de comprobar, tendo en conta a considerable contía, a descrición dos labores realizados en ditos vehículos no taller.
Como o alcalde non contestou á petición no prazo de cinco días, considérase concedida por silencio administativo á mesma de acordo con normativa vixente e, deste xeito, fun hoxe á Casa do Concello para consultar as facturas pero non foi posible pois non estaban á miña disposición.
Non entende este concelleiro porque se obstrúe así o labor da oposición. Non procede a desculpa de que cos escritos meus altérase o traballo normal nas oficinas (explicación favorita do Sr. Álvarez Angueira). As tres facturas están nun expediente de modificación de créditos aprobada polo pleno en marzo pasado e tan só hai que indicarlle a este concelleiro onde están para comprobalas, e punto.
No día de hoxe solicitei que as facturas cuxa consulta foi autorizada por silencio administrativo se me poñan a disposición dunha vez por todas.
Dende logo nunca ocorrreron estas incidencias de obstrucción do labor da oposición nos catro anos do goberno anterior. Volveu o BNG ao goberno e volven xa este tipo de prácticas coa complicidade dos seus compañeiros de goberno, Roque Araújo (PSOE) e Ángel Souto (TeGa).
Pontecesures, 12/05/12
Luis Ángel Sabariz Rolán
Concelleiro da ACP de Pontecesures



