
O pavillón de Beiro reuniu a pasada fin de semana no campionato de karate organizado polo club de Valga a 280 deportistas procedentes de 23 equipos de 16 concellos da xeografía galega e mais da localidade madrileña de Collado Villalba. Máis aló de ocuparse da loxística, o club anfitrión, que contou coa colaboración da Concellería de Deportes da localidade do Baixo Ulla, participou con 35 karatecas, que conseguiron un total de 21 medallas.
A colleita local incluíu catro títulos, o de María Ángeles Diego, en kumite alevín de máis de 32 quilogramos, o de Paulo Dopazo, en kumite alevín de máis de 34 quilos, o de Carla Gómez, en kumite infantil de máis de 42 quilos, e o de Ana Otero, en kata categoría sénior.
No segundo caixón do podio viuse os deportistas do Club Karate Valga Lope Cascallar, en kata alevín, Ángel Rodríguez, en kata cadete, Julia Rial, en kumite alevín de máis de 32 quilogramos, Rosalía Carril, en kumite infantil de máis de 42 quilos, Icía Reboiras, en kumite xuvenil de menos de 52 quilos, e Ana Otero, en kumite sénior open.
O equipo organizador sumou ademais ás súas vitrinas once medallas de bronce, desde categoría benxamín a júnior.
La Voz de Galicia