Bea da o salto ao teatro
Acordaranse dela. Hai uns anos foi unha das estrelas de Operación Triunfo – cando OT aínda era todo un acontecemento social -. Entón a coñecíamos como Bea Porrúa ou como aquela rapaza de Pontecesures que ía ás clases de Nina. Hoxe faise chamar Bea, a secas, e xa empeza a labrarse a súa propia carreira neste difícil mundo do espectáculo. A rebumbio do seu éxito televisivo sacou o seu primeiro disco Fuego y Miel e agora reaparece cun segundo traballo titulado Volver a amanecer . Os seus veciños de Pontecesures xa tiveron ocasión de oíla no verán, nas festas do Carme. Ao resto sempre nos queda a opción de mercar o cedé, acompañado de deuvedé, editado pola discográfica galega Clave Records.
Ben, pero non só é cuestión de facerlle promoción a Bea que, por certo, non sobra vistos todos os cantantes que saen cada ano da casa do Triunfo e de fóra dela. Non todos poden ser Bisbal, pero coa súas gañas e talento seguro que a cesureña acada un oco no panorama musical, que se di agora. Por de pronto vai polo segundo disco e, prepárense, que non acaba aí a cousa. ¿Sabían que tamén lle da á interpretación? Cando aínda non soñaba con subirse aos escenarios, Bea empezou os estudos de Xestión e Administración pública na Universidade de Vigo pero, despois de pasar por TVE, as cousas mudaron moito. Agora estuda na Escola Superior de Arte Dramático de Galicia e acaba de conseguir un traballiño co grupo Artello. Cos de Artello está preparando o seu debut como actriz cunha obra creada para o Centro Dramático Galego que percorrerá Galicia durante os meses de xaneiro e maio do 2007. Pois nada. Agardamos impacientes e a ver se a xira a trae por estas terras de Arousa onde se lle quere. Teatro que non falte Con Bea ou sen Bea, o caso e que na comarca de teatro imos servidos. Non hai queixa. Case todos os concellos, senón todos, inclúen as artes escénicas na súa oferta cultural do outono-inverno. Ben sexa no espléndido auditorio de Vilagarcía ben sexa na casa de cultura máis humilde, haberá teatro dabondo. Permanezan atentos ás nosas seccións culturais.
:: La Voz de Galicia ::
1 comentario
Luis Angel Sabariz Rolán · 30-10-2006 a las 20:12
O venres día 27 de outubro actuou Bea en Madrid (parque de La Vaguada-Barrio del Pilar) nunha festa organizada polo Centro Galego da capital. Tivo un gran éxito segundo as miñas informacións. Cando cantou ao remate «Lela», «Negra sombra» e «Miña Terra» as ovacións do público posto en pe foron apoteósicas. Noraboa á nosa cantante.