O BNG de Pontecesures busca apoios na oposición para non perder o obradoiro
A Consellería de Traballo acaba de concederlle a Pontecesures un obradoiro de emprego e o Concello pódese atopar na tesitura de perdelo por problemas de financiamento. O Concello aínda non aprobou o orzamento do 2006 e, polo tanto, carece de partida para sufragar os gastos que lles corresponden deste proxecto: unha cantidade que roldará os 60.000 euros dentro dun custe total de case 700.000 euros.
Como queira que os prazos se esgotan, a única vía que queda é recorrer a unha modificación de cretos do remanente de tesourería do 2005, pero o goberno local non pode facelo so. O asunto require dun acordo adoptado pola maioría do pleno e ao bipartito (BNG-IP) fáltalle un voto. O alcalde Luís Álvarez Angueira pretende atopar ese apoio no concelleiro do PSdeG-PSOE, ?scar Gerpe. Ámbolos dous xa falaron do tema pero o socialista indicou onte que aínda non tomou unha decisión á espera de que o rexedor lle presentara unha proposta. «Nós non queremos que se perda o obradoiro de emprego, pero é o goberno o que ten que facer os deberes», sinalou Gerpe. A estes contactos íase sumar onte un encontro do concelleiro nacionalista José Antonio Valiñas co portavoz da ACP, Luís Ángel Sabariz, aínda que o independente non acudía con moi boa predisposición. Cre que este asunto debeuse abordar no pleno do mércores e acusa ao bipartito de «poñerlle unha pistola ao peito».
Pleno extraordinario
Aínda sen acordos pechados, o alcalde convocou un pleno extraordinario e urxente para hoxe (11.30 horas) para votar a modificación de cretos. Asume o risco de que non se aprobe «pero eles verán (a oposición) se queren perder 36 empregos do obradoiro», indicou Angueira. A proposta da alcaldía pasa por facer uso de 23.000 euros dos 25.000 que hai no remanente de tesourería para afrontar o primeiro e imprescindible pago para garantir a posta en marcha do obradoiro antes de rematar o ano.
A oposición considera que esta non é a fórmula axeitada para financiar o obradoiro e que debera terse previsto xa no orzamento do 2006. Un orzamento que o bipartito pretendía levar a pleno en xuño e que aínda hoxe nin tan sequera presentou.
O BNG buscou o apoios para aprobar o orzamento, tanto no PSOE como na ACP de Sabariz, pero as negociacións non prosperaron. Angueira volveu tentalo estes días con ?scar Gerpe, pero as súas peticións para modificar o Plan Xeral e o emprazamento do parque empresarial fan que o acordo sexa case imposible.
:: La Voz de Galicia :: Ed. Arousa :: B.C.
0 comentarios