O «Nauja» achega a cultura mariñeira aos pobrenses
Logo de deterse nos peiraos de Muros, Boiro e Ribeira, o barco Nauja chegou onte á vila da Pobra. A deputada e portavoz do grupo nacionalista na Deputación coruñesa, Socorro Cea Vázquez , asistiu á inauguración da exposición Xente, mar e vento , que pode admirarse no interior do veleiro e que xira en torno á actividade pesqueira e aos atractivos turísticos do mar. A delegada local de Cultura, Encarna González , e o concelleiro Severino Romero tamén acudiron á presentación.
Creatividade outonal Os alumnos do Colexio Santa Baia de Boiro están a demostrar estes días que o enxeño non ten cancelas.
Os estudantes do centro que dirixe Susana Albarrán montaron unha exposición na que converteron as cabazas en animadas caras e na que, coa axuda de castañas, mazarocas de millo e outros produtos típicos do outono, construíron un xogo de parchís, unha colección de monecas e unha casiña, entre outros moitos inventos.
Dúas técnicas para dúas artistas O Centro de Interpretación do Castro de Baroña, no casco urbano sonense, agocha no seu interior unha exposición de cadros feitos mediante as técnicas do óleo e a acuarela. As autoras das obras son as pintoras Olga Vieites Seoane , natural de Pontecesures; e Esther Portas Veiras , que reside en Vilagarcía de Arousa. Ambas viaxaron o sábado ata a vila sonense para asistir ao acto de inauguración da exposición, no que ofreceron unha pequena explicación do contido da mostra.
Previamente, foron presentadas polo concelleiro de Cultura, Xoán Pastor Rodríguez Santamaría , que agradeceu a colaboración das creadoras. Os cadros poderán contemplarse ata que remate este mes.
:: La Voz de Galicia :: Ed. Barbanza
0 comentarios