Esteiro do río Ulla, un fenómeno para contemplar
O espazo natural do Esteiro do río Ulla esténdese desde o casamento do Sar e o Ulla ata Catoira e Rianxo, abranguendo a área de transición entre as augas doces do curso fluvial e as salgadas da Ría de Arousa.
Unha fermosa chaira fluvial.
Nacido a máis de 400 metros de altitude, a partir de Padrón o río Ulla baixa nunha larga chaira fluvial con amplas zonas de xunqueiras, carrizais e vexetación palustre, formando unha paraxe de gran beleza. No curso do río a corrente deposita acumulacións de area, curioso fenómeno coñecido coma Lombos do Ulla.
A beira do río e as outras zonas húmidas pódense visitar seguindo os carreiros que parten desde diferentes lugares como Vilar ou Campaña. O Ulla foi porta marítima de entrada a Santiago de Compostela, e na parroquia de Hoeste consérvase unha mostra da arquitectura militar galega do tempo das invasións viquingas, as Torres de Catoira, declaradas Monumento Nacional.
Fauna e flora
Remontando o Ulla desde Catoira aprézanse extensas chairas de carrizais (Phragmites australis), medio natural dun grande número de aves como o Rascón de Auga (Rallus aquaticus), Galiña de Río (Gallinula chloropus), e a invernante Becasina Cabra (Gallinago gallinago), procedente do norte de Europa.
Entre a importante variedade faunística do Esteiro do Ulla áchanse tamén aves de rapiña coma o Lagarteiro Peneireiro (Falco tinnunculus). No grupo dos mamíferos destacan o Tourón (Mustela putorius) e a Londra (Lutra lutra), e entre os peixes a Lamprea (Petromyzon marinus) e o Salmón, (Salmo salar).
Columna A ESCAPADA
DIARIO DE PONTEVEDRA 23/02/07
0 comentarios