O Faiado recupera parte do instrumental usado polos facultativos rurais
A sede da asociación artesá e etnográfica O Faiado 2 de Boiro acolle ata comezos do mes de abril unha exposición sobre algúns aspectos destacados da historia da medicina durante o século XX. Entre os contidos que se poden ver nesas dependencias destaca o instrumental empregado por un médico rural nas décadas dos 40 e 50, principalmente. Se se compara este material co que se usa na actualidade, pódese comprobar o aspecto rudimentario de todos eses aparellos, pero que resultaban moi efectivos.
Doutores de cabeceira como Ramón Fernández Mato ou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao encargábanse de todo o relativo á saúde dos pacientes, desempeñaban o labor de xinecólogo, de dentista e oculista, entre outros. Por iso, ademais dalgunha xiringa, pinzas de disección e tenazas para arrincar moas, tamén se poden ver fórceps, un instrumento médico que se usaba para a extracción dos nenos en partos difíciles; ou valvas, que eran empregadas na actividade cirúrxica para separar as vísceras.
Todo este material foi cedido temporalmente polos herdeiros de Víctor García Lozano, pai de Borobó , e que exerceu a profesión de médico en Pontecesures.
:: La Voz de Galicia :: Chechu Lopez
0 comentarios