Rosa María Maside di adeus
A Rúa do Vilar quédase dentro dun mes sen un dos seus locais máis emblemáticos. Sen a tenda de Rosa María Maside, no número 4 da entrada no casco vello dende Praterías.
En moitos lugares do mundo, en Compostela e por toda Galicia, hai alguén que mercou nesta preciosa e acolledora tenda un aderezo galego tradicional, unha peza de cerámica popular, xoias antigas e étnicas. Era ben difícil non quedar presa no seu escaparate, ateigado de xoias inalcanzables unhas e outras non, pero sempre fermosas e eternas calquera que fose a súa época e o seu deseño, porque tiñan iso que non sei que é que nunca esmorece.
Pero, lamentablemente, será un recordo cando, a finais de marzo, Rosa María bote o pecho e recolla os obxectos que non vendera neste tempo ate o definitivo adeus, favorecendo as compras cun 30% de desconto en todos os artigos. Chegoulle o momento dourado de xubilarse, «e non podo retrasar máis o momento aínda que me dá moita pena que non fose posible que o collera unha persoa que estaba interesada en mantelo como está, coas lóxicas remodelacións, pero conservando o espírito da miña tenda, que é especial, (e emocionase), porque é confusa en canto que a oferta é moi variada, pero penso que de referencia para moita xente que viña de pé feito ate aquí e mandaba a outros, e volvía…». Os fillos teñen profesións que os levaron por outros camiños, así que pecha sen continuidade, e coa rabia de que a alternativa vai ser unha tenda de recordos, de camisetas e quincalladas. «Non entendo como o Concello, a administración que sexa, non fai algo para que o casco vello non perda locais que lle dan personalidade».
Rosa María fíxose cargo da tenda no 57. Pero abríraa súa avoa hai preto de 80 anos cando a familia, orixinaria de Valga, se trasladou a Compostela dende Pontecesures, onde tiñan un comercio de telas. Aquí abriu un estanco que tamén vendía aderezos. Despois quedou con ela a tía Maruja, irmá do pintor Carlos Maside. Cando pasou a ser de Rosa María, a xoven propietaria foina adaptando aos tempos e imprimiulle o seu carácter. Viaxou por toda a Península buscando cerámica e outras obxectos de artesanía popular. Nos 70 esta tenda era parada obrigada para progres , inconformistas e burgueses, turistas e cpmposteláns en busca de cousas únicas que só tiñan sitios escollidos e contados. Nunca perdeu ese carácter rompedor e innovador. Porque cando xa non hai barro ou farrapeiras monta colares e outras pezas con pedras naturais de todo o mundo. ? unha mágoa, pero é un adeus.
:: La Voz de Galicia :: Concha Pino
0 comentarios