Proposta para adscripción de Catoira a área sanitaria de Santiago.
O pleno de Catoira vai debater na súa sesión do vindeiro venres a proposta da alcaldía para solicitar á Consellería de Sanidade a incorporación deste termo municipal na área sanitaria de Santiago «por constituír unha importante mellora socio-sanitaria para a poboación».
A proposta será aprobada con toda seguridade xa que o PSOE (grupo do que parte a iniciativa) conta con maioría absoluta. O alcalde confía agora en que sexa tida en conta na consellería e, de feito, xa fixo algunha xestión neste terreo.
Catoira pertence actualmente á area sanitaria de Pontevedra de xeito que os seus veciños deben acudir aos hospitais de Montecelo e O Salnés, e no caso dalgunhas especialidades, incluso ata Vigo.
Desde Catoira alegan que ten maior vinculación socioeconómica e histórica coa área de Compostela e, de feito, «os catoirense acoden con asiduidade ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago a través da unidade de urxencias, de atención ou de atención primaria mediante os médicos de desprazados», subliña a iniciativa plenaria.
Desde a alcaldía tamén argumentan que a medida está xustificada xeograficamente xa que concellos próximos como Valga ou Pontecesures pertencen a esta demarcación así como outros máis afastados como Lalín ou Muros.
«De feito, a distancia ao hospital de Montecelo supera en dous quilómetros ao de Santiago e as comunicacións con este último son máis accesibles, tanto no que se refire ás vías como aos medios de transporte», explícase na moción.
A alcaldía lembra que se trata dunha vella reivindicación que está xustificada «pola vinculación do noso municipio coa capital galega desde tempos inmemoriais», conclúe.
LA VOZ DE GALICIA, 26/08/07
0 comentarios