“www.nuncamais.org” contra o sobresoldo de altos cargos.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán o

cartosA web, que di non ter nada que ver coa plataforma do “Prestige”, está a recoller sinaturas para que a Lei de función pública volva ó Parlamento.

A web www.nuncamais.org acaba de sumarse ás iniciativas postas en marcha por sindicatos en contra do sobresoldo de por vida para os altos cargos que son funcionarios da Xunta que contempla a nova Lei de función pública, publicada no DOG a semana pasada e que entrará en vigor dentro de pouco máis de dez días.

Concretamente, nuncamais.org está a realizar unha campaña de recollida de sinaturas, co fin de que a lei sexa devolta ó Parlamento e se volva modificar, para evitar que os secretarios e directores xerais cobren ó redor 15.000 euros anuais durante toda a súa vida unha vez que deixen o cargo, privilexio do que ademais tamén se beneficiarán os alcaldes, parlamentarios e senadores, así como presidentes de Deputación, que sexan igualmente funcionarios.

A plataforma explica que a páxina web onde se recollen as sinaturas “naceu no seu momento para informar sobre a catástrofe do Prestige, sen partidismos, e hoxe volve abrir ante a lamentable situación sobre a política retributiva dos nosos políticos”. Non obstante, os que emprenden a iniciativa queren deixar claro que “non temos que ver coa mal chamada plataforma cidadá Nunca Máis, porque onde hai partidos e sindicatos non hai cidadáns”. Deste xeito, queren deixar claro que detrás da iniciativa non hai intereses partidarios.

nuncamais.org lembra que o sobresoldo para altos cargos, “por desgraza, no seu momento o intentou o PP, e non o conseguiu, e os do Bipartito (PSdeG-BNG) puxéronos a parir. Agora eses mesmos que os puxeron a parir (agás a honrosa excepción de Encarna Otero directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda) queren facer o que antes dicían que era malo”.

Por iso, a web pide “a inmediata anulación” da Lei de función pública e “a petición pública de desculpas por parte dos nosos políticos”. “Se pensas coma nós usa este lazo… correde a voz, isto é unha vergoña, non ten que ver con partidos, nin con ideais, son os nosos cartos”, conclúen.

O DATO Xa levan 344 apoios

Un total de 433 persoas levaban asinado o manifesto de “nuncamais.org” onte a media tarde. Os asinantes, declaran a súa “desconformidade” e consideran “un insulto” e un “desprezo contra a cidadanía que os nosos políticos aproben a Lei da función pública de Galicia, nos termos actuais, en especial da “adicional 17º”.

GALICIA HOXE, 05/09/07


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.