«Os concellos temos que deixar de mirarnos o embigo e pensar en clave de comarca»

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Entrevista a Fátima Monteagudo Pereira, presidenta da Mancomunidade Ulla-Umia.

?s seus 29 anos a socialista Fátima Monteagudo. alcaldesa de Cuntis, foi elixida o martes como nova presidenta da Mancomunidade grazas ós votos dos sete vocais que representan ó PSOE na Comisión Executiva e ó apoio imprescindible do BNG. Monteagudo considera «o máis lóxico» que se reeditara tamén nest a ocasión o acordo que socialistas e nacionalistas manteñen na Xunta e no propio Concello de Cuntis. Quer comezar a traballar «dende xa» e, de feito, a sede da Mancomunidade xa se trasladou a Cuntis. O seguinte paso será solicitar reunións co conselleiro de Presidencia e o presidente da Deputación para «tratar de cumprir canto antes os nosos obxectivos»: unha canceira, un parque de bombeiros e outro de maquinaria.

A reedición do pacto que PSOE e BNG manteñen no Concello de Cuntis sirveulle tamén á alcaldesa da vila termal para ser elixida nova presidenta da Mancomunidade Ulla-Umia, un novo «reto» para unha das rexedoras máis mozas de Galicia e quke, en pouco máis de dous anos, dende xullo de 2005, pasou de ocupar un segundo plano no panorama político da bisbarra a dirixir un concello e encabezar o organismo intermunicipal máis relevante a nivel comarcal.

Xunto coa súa vicepresidenta, a nacionalista Belén Pazos, Monteagudo ten por diante catro anos para rachar coas barreiras que nos últimos anos impediron que a Mancomunidade puidera funcionar como tal, especialmente o localismo e individualismo dalgúns concellos que poñen reparos á hora de mancomunar servizos. A socialista veo posible e fala con rotundidade ó respecto: «Canto máis mellore a comarca, máis beneficios terán os seus concellos».

¿Por qué decidiu presentarse como candidata á presidencia?

O partido quería que me presentara e eu tamén porque entendo que é necesario imprimir un cambio importante a esta institución, que ten que funcionar dunha vez por todas. Trátase dunha iniciativa moi fermosa para mín e estou convencida de que, se sabemos poñela en marcha, pode reportar uns resultados moi beneficiosos para os veciños de toda a comarca.

¿Que supón esta nova responsabilidade para vostede a nivel persoal?

? moi ilusionante, un reto máis ó que lle poñerei todas as gañas para tentar facelo o mellor posible. Vaime ocupar un pouco máis de tempo pero, ó ter adicación exclusiva no Concello de Cuntis, penso que será máis doado compatibilizar a miña tarefa como alcaldesa coa de presidenta da Mancomunidade.

¿Ten algunha importancia para vostede o feito de ser a primeira muller que preside este organismo?

Ten que deixar de ser un fito que unha muller dirixa un organismo público, porque temos a mesma capacidade que os homes. O que sucede e que antes non había alcaldesas na comarca, polo que tampouco podían presidir a Mancomunidade. Agora si, pero e algo que ten que verse con absoluta normalidade.

¿Cómo valora a situación actual da Mancomunidade e o funcionamento que tivo nos últimos anos?

? preciso darlle un pulo a este organismo ou, cando menos tentalo. Nestes últimos anos non vin nada porque nada houbo nin nada se fixo, máis alo da UPD, proxectos relacionados co ámbito da igualdade ou algún contrato de plans de cooperación ou do programa Labora. Os obxectivos da Mancomunidade deben ser outros e máis importantes, como obras de saneamento e alcantarillado, unha canceira comarcal ou, por exemplo crear un Centro de Día mancomunado. Todas estas cousas non se fixeron, polo que os concellos trataron de implantar estes servizos de xeito individual. Sería imposible soster unha canceira en cada concello ou un parque de bombeiros en cada un dos municipios. Por iso temos que comezar a loitar xuntos para que se cumpran os poucos obxectivos que nos marcamos. Se os conseguimos, poderíamos darnos cun canto nos dentes.

Dicía hai pouco o seu predecesor no cargo, Bello Maneiro, que o localismo e o individualismo dos concellos foi o que impediu que a Mancomunidade funcionara nestes últimos anos. ¿Cre que éste pode ser un impedimento?

Os concellos miramos moito para os nosos embigos. Debemos deixar de facelo e comezar a pensar en clave de comarca, algo que ata agora non se fixo. Parece que queremos mellorarnos a nós mesmos sen pensar no que temos arredor, unha estratexia que considero equivocada porque se conseguimos mellorar o nos entorno tamén será beneficioso para cada un dos municipios.

¿Ve posible rachar con este individualismo nesta lexislatura que ten por diante?.

Espero que si porque dende o PSOE, e tamén o BNG, temos claro que queremos poñer a andar á Mancomunidade. Dos sete concellos da comarca catro están gobernados polo PSOE polo que deberíamos conseguir que se produza ese cambio. Ademáis hai que ter en conta que o POL distribuíase entre os Concellos, pero agora debe xestionarse en base ó número de habitantes e ó territorio. Ningún municipio da comarca pode conseguilos por si, polo que é necesario agruparse ou traballar a nivel de Mancomunidade, polo que teremos que poñernos de acordo forzosamente.

Entre os seus obxectivos está o de conseguir un parque de maquinaria con axuda da Deputación, un proxecto que xa lle prometera ó organismo provincial á antiga directiva de Bello Maneiro e que tamén lle reiterou Rafael Louzán ó seu rival para acadar a presidencia, Roberto Vázquez. ¿Ve posible sacara adiante esta iniciativa?.

Somos bastantes escépticos no tocante á consecución deste parque de maquinaria coa axuda de Deputación porque estando o PP á fronte da Mancomunidade non se concedeu, así ¿visenos dar agora cun goberno PSOE-BNG?. Teño que dicir que este parque foi un compjromiso de Rafael Louzán a Roberto Vázquez e pareceríame discriminatorio que, porque o dirixente sexa do PP, os veciños poidan disfrutar dun servizo e , en cambio, non poidan telo se o presidente é doutro partido.

En canto ó parque de bombeiros prometido por Presidencia, ¿houbo algunha novidade sobre cando podería poñerse en marcha?

O parque está confirmado que se fará, só falta elixir o lugar no que se ubicará, e unha vez que este pequeno problema estea solucionado iniciarase a tramitación, que agardo que sexa o antes posible. Queremos que a zona na que se constrúa sexa céntrica para dar cobertura a todo o territorio comarcal no menor tempo posible, polo que as dúas opcións que se barallan son Caldas e Catoira.

A terceira das súas metas é unha vella reivindicación que non fructificou hai anos: unha canceira, ¿será nesta ocasión a vencida?

Para este proxecto aínda non contamos con fondos, temos que buscar os recursos e o lugar onde instalala. Eu agardo que poida facerse.

DIARIO DE AROUSA, 01/11/07


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.