De garderías e xeriátricos. Por José Manuel Castro Cajaraville.
A medida que a muller foi subindo chanzos buscando a igualdade co home, que aínda non acadou do todo, paralelamente foron xurdindo novas necesidades, principalmente no medio doméstico e social, como no caso de suplir a muller, cando é nai, para coidar dos nenos ao tempo que aprenderlles as primeiras letras.
Neste senso foron aparecendo para cubrir tales necesidades as garderías e escolas infantís co seu estimable servizo.
En Padrón funciona unha gardería, outra en Dodro e parece estar en trámites para instalar outra en Rois.
Nembargantes, e con respecto aos maiores, é dicir, aos que se deu en chamar da terceira idade, aínda no Sar se nota a falta dun centro xeriátrico. Xa no ano 2004, o entón presidente da Xunta de Galicia, D. Manuel Fraga Iribarne, facía publica a preocupación porque daquela Galicia tiña un déficit de nove mil prazas en residencias de maiores e mais dicía que os concellos estarían obrigados a reservar solo para xeriátricos.
O caso é que ata a data de hoxe, na comarca do Sar: Padrón, Rois e Dodro, coas proximidades de Cesures, Valga, Catoira, Rianxo… aínda en toda esta ampla zona, se carece dun centro deste tipo, sendo máis que manifesta a súa necesidade.
Tanto a Xunta,coma os alcaldes ou corporacións destes concellos deberán concienciarse da importancia e evidente necesidade dun xeriátrico que veña a cumprir coas funcións propias cos nosos maiores aos que tanto lles debemos e por cuxa etapa, alomenos en principio, todos estamos predestinados a pasar.
TIERRAS DE SANTIAGO, 01/04/08
0 comentarios