O Padroado do Pedrón de Ouro rememora a paixón de Camilo Agrasar pola figura de Rosalía.
O Padroado da Fundación do Pedrón de Ouro presentou onte no auditorio da Casa-Museo de Rosalía o libro Camilo Agrasar e o entusiasmo apaixonado por Rosalía, libro co que quere renderlle unha sentida homenaxe á persoa que fixo posible, xunto con Xosé Villar Granxel, a adquisición e restauración da vivenda de A Matanza ata lograr convertela nun museo. As tres fillas e unha neta de Camilo Agrasar, o seu irmán, xunto con amigos, veciños e personalidades galegas coma o presidente de honra do Padroado do Pedrón de Ouro, Avelino Pousa Antelo, a presidenta da Fundación Rosalía, Helena Villar, entre outras persoas, non quixeron faltar ao acto, que tamén contou coa presenza de representantes do Concello padronés e da Irmandade de Fillos e Amigos de Padrón.
O escritor David Otero foi o primeiro en tomar a palabra para lembrar que o entusiasmo apaixonado de Camilo Agrasar a figura de Rosalía de Castro tamén se estendía ao Padroado da Fundación do Pedrón de Ouro, do que foi creador no ano 1964, e a Galicia. Tamén falou o poeta Xesús Santos e fíxoo para resaltar que lle debe a moito a Camilo Agrasar.
Pola súa banda, o secretario da Irmandade de Fillos e Amigos de Padrón, Xosé Carlos Carballido, asegurou que o acto de onte, de lembranza e de honra a un «galego exemplar», «engrandece a un pobo». Carballido destacou que o amor de Agrasar pola obra de Rosalía de Castro fixo posible que esta «deixara de ser catro liñas nos libros para se converter en todo un piar da cultura».
O libro presentado recolle unha recompilación de diversos artigos que publicou Camilo Agrasar ao longo da súa vida, así como diversas valoracións da súa personalidade, firmadas por autores como Avelino Abuín de Tembra, Helena Villar Janeiro, Avelino Pousa Antelo ou Xesús Santos, entre outros.
O acto de onte tamén serviu para lembrar que, grazas á iniciativa e empeño de Camilo Agrasar, padronés de nacemento falecido en 1983, e coa axuda económica da colonia padronesa en Uruguai, a vila inaugurou a estatua a Rosalía de Castro que preside o Paseo do Espolón.
LA VOZ DE GALICIA, 28/11/09
0 comentarios