Os «Amigos do Belén» de Valga recollen ideas para a súa próxima creación
Os integrantes da Asociación Amigos do Belén de Valga botaron a mochila ao lombo para viaxar a pasada fin de semana a diversos puntos da provincia de León. Alí visitaron tres nacementos artesanais dos que, a bo seguro, tomaron prestadas varias ideas que logo plasmarán no qeu cada Nadal triunfa no local social de Campaña.
Unhas 30 persoas do colectivo gozaron dunha excursión que os levou a ver os beléns instalados no asilo de Astorga, en Folgoso de la Ribera e en Cabañas Raras, este último elaborado por un particular. «O de Folgoso e o de Cabañas son os máis parecidos aos que facemos nós», explicou a concelleira de Cultura e integrante da asociación, Mª Carmen Castiñeiras.
Ademais de servir de descanso e de confraternización despois de dous duros meses de traballo elaborando o nacemento e atendendo ás miles de personas que o visitaron durante cinco semanas, esta tradicional viaxe (cada ano a un lugar de España) sérvelles para recoller ideas novas.
«Sempre sacamos algunha idea. A ver agora se somos capaces de levalas a cabo, porque hai que dedicarlle moito tempo», admitió Castiñeiras.
No que máis se inspiraron nesta ocasión foi no de Astorga, elaborado polas monxas do asilo, que só recolle o Misterio do nacemento de Xesús. «A intención e poñer o Misterio na parte de atrás e máis grande, pero non creo que o poidamos facer na vindeira edición». Asi mesmo, barallan a posibilidade de mellorar o teito, pero todo dependerá do orzamento do que dispoña o colectivo.
Ademais destes tres lugares, os excursionistas visitaron o Museo de la Radio, que o famoso periodista Luis del Olmo creou na súa localidade natal, Astorga. Alí exerceron de improvisados locutores diante do micrófono.
Aínda que ata o mes de outubro non comenzarán a traballar na vindeira edición do belén artesanal de Campaña, os integrantes da asociación non desconectan de todo. Aínda que está pechado ao público, ata daquela atenden peticións de grupos organizados que queiran visitar o nacemento. As persoas interesadas deben chamar aos teléfonos 986/559456 (só de mañá) e 630/952515
0 comentarios