«Valga é un réxime caciquil no que todo se dá e se fai á dedo».
Xosé M. Martínez candidato BNG en Valga.
Peque sostén que o Concello funciona coma un feudo estancado hai dez anos.
Xosé Manuel Martínez, Peque, substitúe a Antonio Rodríguez Touceda na cabeza da candidatura do BNG. Non é alleo ao labor municipal, xa que exerceu como concelleiro no anterior mandato en Valga.
-¿A que obedece esta mudanza na cabeza de lista?
-Houbo algunhas diferenzas que foron resoltas dentro da organización. Os compañeiros decidiron que fose eu.
-¿Vai mudar tamén a liña do BNG en Valga?
-As perspectivas, evidentemente, cambian porque Antonio e máis eu somos diferentes de carácter. Pero as ideas básicas non mudan, son moi semellantes. Cremos que Valga se estanca, non hai unha política seria e levamos cando menos dez anos así. Quitando o absoluto control, porque Valga é un réxime caciquil no que todo se dá e se fai a dedo, non hai nada, non hai políticas de emprego, non hai iniciativas culturais, só parches. Mesmo as subvencións pídense sen facer falla, para gastar por gastar. Non é lóxico, por exemplo, que para facer unhas vaquillas para a mocidade se gaste unha morea de pasta. Fálase incluso dun funicular ata O Barreiro. Deben de pensar que van vir os alemáns para ver os galeguiños sachando.
-¿Que é o primeiro que vostede faría se acadase a alcaldía?
-Tentar que o Concello fose realmente de todos. Facerlle ver á xente que o tipo que estivese na alcaldía traballa de alcalde, que non é o señor alcalde, que non hai que lle render pleitesía, que o alcalde ten que traballar pola xente porque Valga funciona como unha monarquía absoluta na que os veciños van falar con Maneiro como ían na Idade Media falar co señor feudal.
-O BNG votou a favor do polígono. ¿Vai manter ese voto?
-Cando se deu aquela polémica produciuse un malentendido. Nós, en asemblea, tiñamos unha decisión tomada. Pero o voceiro, chegada a hora do pleno, votou noutro sentido. Evidentemente hai que mudar as cousas nese proxecto. Pero non é só o polígono, estamos a falar dun plan xeral que, por exemplo, esixe á xente do rural un mínimo de 1.000 metros para construír, cando coa lei de vivenda anterior só eran 500 ou 600. ¿Quen pode ter esa superficie neste paraíso minifundista?
-¿Foi esa a razón do cambio na candidatura do BNG.
-Non. Todos quedamos abraiados cando Antonio votou que si, pero non foi máis aló. As cousas decídense democraticamente e non hai problema. As relacións son perfectas, en serio. El vén ás reunións e segue traballando.
-¿Que pasa coa radio que tantos problemas está a dar?
-Está demasiado condicionada por Maneiro, en plan Aló Presidente de Hugo Chávez. As preguntas, controladas, se hai algún problema sempre é culpa dos técnicos. Nós, a oposición, propuxemos uns debates. E de non ser así, unha entrevista a cada candidato. Que os membros da oposición, sexan quen sexan, teñan a posibilidade de expresar as súas opinións media hora, unha vez ao mes.
-¿E?.
-E nada. Seica facemos política. El inaugura o seu negocio e ven a secretaria de Comercio. Iso, claro, non é política.
Xosé Manuel Martínez, «Peque»
7 de outubro de 1971, en Cordeiro
Mestre particular
Concelleiro do BNG entre o 2003 e o 2007. ? a primeira vez que se presenta como cabeza de lista.
LA VOZ DE GALICIA, 27/04/11
1 comentario
cachote · 27-04-2011 a las 15:17
Sorte Peke, a ver si lle mandamos unha foto-carnet túa a Voz de Galicia para que salas de frente polo menos, porque poñer esa foto túa ten delito , parece unha desas fotos que lle sacan aos batasunos cando os pilla a juardia sivil.