Bello Maneiro: «No meu partido non se valora o esforzo que facemos en Valga».
Bello sostén que todos os políticos deberían pasar pola xestión municipal
José María Bello Maneiro
2 de maio de 1949 en Cordeiro
Contable
Casado, ten dous fillos e unha filla
Alcalde de Valga dende 1991
O despacho de José María Bello Maneiro é un espazo, non cabe dúbida, habitado. Os seus vinte anos na alcaldía de Valga encárnanse nunha morea de obxectos e recordos dominados por un televisor de bo tamaño. ? coma unha extensión do propio rexedor, quen accedeu ao cargo cunha candidatura independente que desembocou no PP.
-¿Cantos anos tiña vostede cando entrou neste despacho?
-Tiña 41 anos. Agora estou a piques de cumprir 61.
-¿Non é moito tempo?
-Pois a verdade é que entrei en política de casualidade e, en principio, sen interese ningún, debo recoñecelo. Teño unha experiencia persoal de asistir a un pleno, no primeiro mandato democrático, como público, moi desagradable, con discusións permanentes, insultos e faltas de respecto. Díxenme que nunca estaría en política, e a vida levoume a que non fose así.
-A xente vén falar con vostede e agarda o momento que lle toque. Agora mesmo hai catro persoas esperando. Non parece este un traballo tranquilo…
-Nun Concello a verdade é que nunca se está tranquilo, sempre hai demandas. E máis nestes momentos, non que non se poden levar adiante tantas cousas pola situación económica. O máis preocupante é o paro, a cantidade de familias que pasan polo Concello. ? inquietante ver familias que non teñen ingresos de ningún tipo e non poder facer nada porque un non ten unha variña máxica.
-¿Que pode facer un Concello para crear emprego?
-Nós, por exemplo, fixemos que as empresas que contrataron obras co Concello contratasen persoal de Valga. Nestes anos creáronse así moitos postos de traballo; provisionais, claro, pero polo menos distribuíron ingresos entre as familias. Unha das razóns de que o Concello nos convenios reducise eses empregos a media xornada é, precisamente, unha mellor distribución en época de necesidade.
-¿Lembra a Albino Ferreirós?
-¿Como non o vou lembrar se foi alcalde antes ca min? Supoño que ides polo dos dous peches que se fixeron, un con nós en minoría e outro a partir de 1995. Nun deles botou un cordel pola fiestra para que lle pasasen os bocadillos… Miren, a lectura que fixo de todo iso o pobo quedou ben clara cando lle tocou falar. Aqueles, podo dicilo, foron os peores momentos que eu lembro como alcalde. Ver a mesa do salón de plenos chea de empanadas, coma se fose isto unha romaría. O representante do PSOE, que tiña dous concelleiros, nas seguintes eleccións non quitou ningún.
-A oposición acúsalle de funcionar coma se o Concello de Valga fose seu.
-Foi un mandato de debate, de discusión, pero dun alto nivel no sentido do respecto, coas lóxicas discrepancias, quitando á voceira do PSOE. Ela, simplemente, dedicouse a facer política no canto de tentar colaborar e resolver as demandas dos veciños. Houbo oposición primeiro nas obras da recta de Vilagarcía, un proxecto que se contratou co bipartito na Xunta. O que liderou as mobilizacións vai hoxe de número 2 do PSOE. Tamén co plan xeral pola creación do novo parque empresarial. O BNG votou a favor e foi coherente co que dicía a súa xente na Xunta. Pero o PSOE opúxose. O que liderou a oposición vai no número 3 da súa lista. Eles foron coma aves de rapiña.
-Mais agora muda tamén o candidato do BNG e pode mudar o seu discurso. ¿Vai botar en falla a Rodríguez Touceda?
-Antonio é unha persoa dialogante, moi meticulosa na parte económica. Todo o miraba ao céntimo. E iso a min gústame.
-¿Que opina do seu sucesor?
-Xa foi concelleiro. ? unha persoa moito máis radical.
-A acusación de ser político é curiosa cando a fai unha persoa que leva 20 anos na alcaldía.
-De entrada non me considero político. Estou en política, pero intento non facela nese sentido, esa é a mentalidade do goberno que temos. Nós dedicámonos dende o primeiro momento a coordinar un grupo, que isto fose un equipo e xestionar.
-Por certo, algunha vez ten criticado ao seu propio partido por descoidar Valga.
-No meu partido non se valora o traballo que se fai en Valga. Sígoo mantendo. O noso esforzo non está valorado. Os políticos chegan aos cargos e esquecen que os concellos somos os que facemos o día a día, os que vemos as familias en paro. Terían que pasar pola xestión municipal.
LA VOZ DE GALICIA, 27/04/11
0 comentarios