Visita institucional de Cores Tourís no día de onte.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

Onte pola mañá o delegado territorial da Xunta visitou a Casa do Concello e tivo unha xuntanza con membros da corporación. En concreto asistiron o alcalde Álvarez Angueira, Cecilia Tarela e Arturo Ferro (BNG), Roque Araújo (PSOE), Angel Souto (TeGa), Maribel Castro (IP) Juan Manuel Vidal (PP) e Luis Sabariz (ACP).

Comezou intervindo Luis Sabariz, para lembrarlle ao delegado una serie de peticións relacionadas coas competencias da Xunta, que apoia toda a corporación, e que foron tramitadas ou reiteradas nos catro últimos anos de mandato. Foron as seguintes:

-Que o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar asuma dunha vez por todas a escola infantil de Pontecesures para incorporala á rede (Galiña Azul), por razóns económicas, de mellora no servizo e para os
traballadores da instalación.
-Que sexa nomeado o 2º médico para o centro de saúde de Pontecesures, cumprindo as promesas que sempre quedaron en nada para evitar que uns mil cesureños teñan que ir ao médico ao Centro de Saúde de Baño-Valga.
-Que sexa tida en conta no futuro a necesidade que temos de asistencia pediátrica na nosa vila.
-Que se constrúan as beirarrúas nos primeiros 500 metros da recta de Campaña (termo de Pontecesures) na PO-548 por razóns de seguridade. E inconcibible que fora arranxado todo o tramo de Valga e non o de Pontecesures cando é moi utilizado polos peóns.
-Que remate a construción de beirarrúas na PO 214 dende o quilómetro 0 en dirección a A Estrada. Hai poucos meses foi arranxada parte das beirarrúas pero a actuación quedou incompleta por razóns económicas.
-Que Portos de Galicia envíe dunha vez o proxecto de remodelación do porto de Pontecesures para o seu estudo pola corporación e para que seña acometida a mellora da fachada marítima.
-Que Augas de Galicia acometa o sanamento integral de Pontecesures, dentro das actuacións que se están realizando para mellorar a calidade das augas das rías galegas.
-Que tamén Augas de Galicia proceda á cubrición do canle de subministro de auga na Cruxa aproveitando o espazo para un sendeiro peonil.
-Que podamos ter canto antes un comedor escolar para o CPI Pontecesures.
-Que a Xunta de Galicia siga a realizar todo tipo de xestión para que se manteña e potencie o tren de cercanías en Pontecesures. A entrada en servizo do TAV non pode eliminar un servizo con que conta toda a comarca dende hai más de 135 anos.

O alcalde, en nome do goberno local, considerou xustificadas as peticións anteditas polo a que as comparte, insitindo especialmente na do comedor escolar para o colexio e na obra de rehbilitación integral do porto. Tamén realizou outras peticións:

-Petición de axuda para construir un sendeiro que comunique Pontecesures e Padrón pola antiga ponte de ferro do ferrocarril.
-Elevación dos pasos de peóns nas rúas centrais na vila.
-Axudas para a construción dun edificio de usos múltiple con centro
sociocultural.
-Axudas para dotar de caucho as zonas de xogos dos parques.
-Subvención para a festa gastronómica do churro.
-Que a Xunta asuma o custo do dun ancheamento realizado no pasado na rúa dos Mariñeiros con construción dun muro (sobre uns 13.000 euros) sobre o que, ao parecer había un compromiso de financiamento.
-Que se xubvencione a recuperación das fontes do monte municipal
Salgueiras-Lagoa, que abastecen de auga ao municipio por gravidade e de xeito moi económico varios meses do ano. Sobre este tema aclarouse que a petición xa foi realizada polo goberno anterior en marzo pasado (Fondo Medioambiental) e que se está a espera de recibir contestación. A actuación importa uns 40.000 euros.

Cores Tourís manifestou que tomaba nota das necesidades para telas en conta no posible en futuras actuacións aínda que incidiu na crise xeral que vivimos e dos escasos recursos das administracións.


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.