Valga, Proxecto Home e Medio Rural, xuntos na rexeneración de Mina Mercedes.

Publicado por Luis Angel Sabariz Rolán en

A finais de abril do 2010 a Consellería de Medio Rural poñía a primeira pedra do proxecto de rexeneración da lagoa valguesa de Mina Mercedes, en Campaña, coa solta nas súas augas de 2.000 exemplares de troitas. Unha iniciativa para a que o alcalde do concello do Baixo Ulla, José María Bello Maneiro, buscara medio ano atrás financiamento da administración autonómica, co obxectivo de converter o espazo nun couto de pesca de troita e zona de cría de anguías tras confirmar un estudo da Universidade de Santiago a condición óptima de Mina Mercedes para a consolidación de ambas especies de río.
O martes pola tarde, José María Bello Maneiro visitou a lagoa en compaña do xefe de Servizo de Caza e de Pesca de Medio Rural, Jesús Marquina Olmedo, do director do Proxecto Home, Ramón Gómez Crespo, e do director da Estación Hidrobiolóxica Encoro do Con que a Universidade de Santiago ten en Vilagarcía, Fernando Cobos Grandín. O motivo, avanzar sobre o terreo no contido do convenio que en breve asinarán as catro partes para colaborar no desenvolvemento da segunda fase da rexeneración de Mina Mercedes. O seu fin, definir e dispoñer as condicións e os espazos para a práctica da pesca sen morte por parte de tres colectivos específicos: nenos, persoas maiores e discapacitados.

Traslado de troitas a Campaña
O director da Estación Hidrobiolóxica do Río do Con sinalaba onte como o seu centro servíu de nexo de contacto entre as catro patas do futuro convenio para a lagoa valguesa. Fernando Cobas explica que o organismo da Universidade de Santiago leva dous anos colaborando co Proxecto Home nunha novidosa actividade terapéutica na rehabilitación de toxicómanos, consistente nunha piscifactoría de troitas para autoconsumo en Cernadas, na bisbarra compostelá.
A partir desta experiencia, o Proxecto Home encargaráse de criar as troitas que cada certo tempo deberán recuperar a poboación pesqueira de Mina Mercedes, que segundo Fernando Cobas, podería variar entre os 2.000 e os 4.000 exemplares, na súa inmensa maioría de sexo feminino que atoparán en Valga un bo ecosistema para vivir, pero non para poder reproducirse. De aí que sexa preciso a súa periódica renovación coa produción da piscifactoría do Proxecto Home, que o departamento da Consellería de Medio Rural se encargaría de trasladar nun transporte especial desde Cernadas a Campaña. A Estación Hidrobiolóxica proporcionará os pertinentes estudos para avaliar as necesidades de novos exemplares en función da variación do número de pescadores con dereito a actividade en Mina Mercedes e do número de capturas que estipule en cada momento o Concello, aos que haberá que engadir as condicións do caudal da lagoa segundo a época do ano.
A intención do Concello de Valga é poder iniciar este mesmo verán a pesca sen morte na lagoa de Campaña.

LA VOZ DE GALICIA, 14/07/11


0 comentarios

Deja una respuesta

Marcador de posición del avatar

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.