Valga gana.
O potencial histórico e artístico de Padrón, a maiores do museo da Casa de Rosalía e a Fundación Camilo José Cela, e tan sobranceiro que o problema pola falta de outros espazos para expor parte dese rico patrimonio cultural resulta evidente. Acabamos de asistir a perda dun fondo cultural coma o do doutor Fraiz Calvo ao non poder contar cun local municipal onde expor a súa extraordinaria e voluminosa colección co estudo sobre mais de seis mil centenarios mundialmente famosos.
Un intenso labor cuxo resultado acaba de saír ao público, aínda que non como el desexaría, no seu pobo, polo que ao non poder ser en Padrón tivo que aceptar as facilidades que neste caso lle ofertou o alcalde de Valga, Bello Maneiro, para irse con todo o seu valioso fondo documental a veciña localidade pontevedresa.
Lembramos que un problema semellante ocorre ca arte, manténdose asemade á espera a obra do pintor padronés Carlos Bóveda e a da tantos outros artistas do Sar que anualmente expoñen nunha mostra itinerante polos escaparates do comercio local, etc. Nembargantes as derradeiras informacións sobre as proxectadas rehabilitacións da casa sacerdotal de Iria Flavia, e de outra que ocupa parte do solar da antiga azucareira, veñen a manter a esperanza dun futuro mellor, aínda que xa é sabido que «as cousas de palacio van despacio»…
Claro que sería importante que ao Museo de Rosalía, e a Fundación C.J. Cela, convento do Carme, ó artístico xardín Botánico, etcétera se viñera unir o proxectado museo da Arte, ubicando os ricos elementos da arte sacra actualmente «arrinconados» nunha pequena e vella sala, instalar o Etnográfico, e a posible recuperación do «Lonxevidade», que darían a Padrón unha situación artística e cultural digna dunha poboación histórica como a capital do Sar.
Por José Castro Cajaraville. Cronista de Padrón
TIERRAS DE SANTIAGO, 15/11/11
0 comentarios