Sendeirismo rosaliano.
Dende que o sendeirismo se puxo de moda os concellos parecen rivalizar (neste caso cremos que para ben) en adaptar sendas nos arredores das poboacións, xa no campo, ribeireñas, montaña e cantos espazos a maiores dos paseos xa existentes se poidan aproveitar para practicar ista modalidade de san exercicio de esparcemento e lecer.
Neste senso Padrón non é unha excepción e aparte dos seus extraordinarios paseos e zonas verdes (Espolón a beira do Sar, Artístico Xardin Botánico, paseo da Canle do Sar, etc.,etc.) ofrece moitos outros lugares a cal con mais fermosas paisaxes. Por iso cando a cotío se fala ou escribe das excelencias para o afeccionado camiñante de numerosas e repetidas zonas ideais para a practica de sendeirismo, nos sorprende que apenas se cite unha das que sen dúbida reúne as mellores condicións e estimamos como das mais sobranceiras
Estamos a referirnos a literaria Ruta Rosaliana que dende Santiago descurre a carón do poético río Sar e pola que persisten as pegadas da gran Rosalía, polo Ortoño dos primeiros anos da súa nenez, Bastavales, co val por onde se espallan as ondas do son das»Campanas de Bastavales…», Riba de Sar de » idílica natureza», Iria Flavia co seu «Cemiterio Encantador…», Lestrove «Coa súa emblemática Torre de Hermida…», e » A Padrón ponliña verde, fada branca ao pé dun río …», ata a Casa-Museo na Matanza, onde Rosalía expirou «lembrando o mar …».
O sentimento poético evocador da cantora de Orillas del Sar, alimentado pola fermosa beleza natural de todo o percorrido de mais de vinte kilómetros dende o comezo en Compostela ata a Casa da Matanza en Padrón, converte ista Ruta Rosaliana ao mesmo tempo nunha ruta de sendeirismo sen igual para cantos desexen camiñar e disfrutar física e animadamente polos entrañables vales de Amaía e o Sar que se nos ofrecen fundidos nunha común sensibilidade de resonancias rosalianas e natural beleza paisaxística .
José Castro Cajaraville
TIERAS DE SANTIAGO, 29/11/11
0 comentarios