Caldas e Cesures, dúas vilas conmocionadas pola morte da sardiña e a lamprea do Ulla.
Os veciños dos dous municipios botáronse as rúas para despedir con tristura aos seus peixes máis queridos.
O de onte foi un mal día para as especies piscícolas da comarca. Non chegaba coa tráxica morte da sardiña en Caldas, que trascendeu tamén o falecemento da lamprea do Ulla, veciña de Pontecesures. A súa perda conmocionou ambas vilas e provocou que os seus cidadáns se botasen á rúa para despedilas como manda o Entroido, con moita troula, pero tamén con tristura, loito e bágoas. Os velorios polos malogrados peixes foron do máis dramático. En Caldas habilitaron o Auditorio para a capela ardente e ata o Centro de Saúde pouxo en marcha un servizo especial para atender ás histéricas viúvas. En Pontecesures o drama non foi menos. Optaron por o lugar máis céntrico, a Prazuela, na que se congregaron o párroco e os sufrintes pais da criatura, Don Carnal e Dona Cuaresma, sen poder ocultar a súa pena. Non faltaron tampouco as irmáns da finada, as demais lampreas do Ulla aínda que este ano van escasas; e as súas curmáns, as lampreas do Miño. A que non no se veu polo pobo foi á familia política da defunta, as lampreas de Francia, das que non se soubo ren. O cortexo fúnebre chegou ata Porto para voltar polas Rúas Deputación e San Lois ata o peirao, onde foron incinerados os restos da lamprea. Alí, ao lado das augas que a viron nacer, as do río Ulla.
DIARIO DE AROUSA, 23/02/12
0 comentarios