«O que está a ocorrer en Herbón obedece a unha mala información do concello».
O superior do convento franciscano, Roberto Freire, relatou en Radio Obradoiro como se chegou á tensión actual pola solicitude de declaración da abadía como BIC // Ven de poñer unha denuncia na Garda Civil pola morte por envelenamento dun dos cans do convento
El Correo Gallego recolle este martes un suceso rexistrado o pasado domingo no convento de Herbón, en Padrón: a morte por envelenamento dunha das mascotas da abadía. En Radio Obradoiro, o superior do convento, o franciscano Roberto Freire, explicaba que as tensións que desembocaron neste desgraciado suceso se remontan ó pasado 23 de xaneiro, «cando houbo unha reunión no concello para falar da solicitude de declaración da abadía como Ben de Interese Cultural. Ese mesmo día pola noite recibín unha chamada telefónica na que o interlocutor ameazaba con matar ós cans do convento. ? día seguinte repetiuse a chamada, e o pasado 24 de febreiro produciuse un primeiro envelanemento, pero chegamos a tempo».
Non tiveron esa sorte este pasado domingo, e Alma, a cadela que participaba en programas de terapia con nenos autistas e persoas con Alzheimer, morría logo de inxerir estricnina. Onte interpuxeron a correspondente denuncia na Garda Civil. O superior do convento expresaba a súa preocupación polo feito de que, igual que lle tocou a un can, lle puidera tocar á xente de Amipa.
Segundo Roberto Freire, a oposición dalgúns veciños á solicitude de declaración do convento como BIC «só é procedente da mala información. Cando se fixo esa solicitude, na súa resposta Patrimonio presentou unha zona máis ampla da solicitada para a súa protección. Sen embargo, esto non lle foi ben explicado ós veciños, e chegáronse a dicir cousas que non son certas como que se tiñan que tapar os invernadoiros con tullas ou que se ía cambiar a calificación do solo». O superior do convento de Herbón pensa que o goberno local ten responsabilidade no que está a acontecer, precisamente por non falar cos padroneses sobre esas diferencias entre a solicitude orixinal e a resposta de Patrimonio, «cando transcorreron dous meses dende que lle chegou o expediente ata que se produciu a primeira reunión».
Freire insistiu en que «non se poden converter as alegacións nunha defensa do pemento, como se nos tiveramos algo en contra. De feito, foron os franciscanos os que trouxeron o pemento a Padrón».
EL CORREO GALLEGO, 06/03/12
0 comentarios