Herbón comeza a preparar a terra dos invernadoiros para a colleita do pemento.
Os produtores apenas teñen descanso tras a conclusión da anterior campaña
Algún produtor xa retira as plantas dos invernadoiros de cara a limpalos para a próxima plantación m. ares Pouco, pero que moi pouco descanso teñen os pementeiros de Herbón dende que remata o tempo da colleita ata que comezan os traballos para un novo ciclo de plantación de cara a próxima campaña. Rematado o tempo de comercialización, o 31 de outubro no caso dos produtos amparados pola denominación de orixe, a maior parte dos invernadoiros de pementos de Herbón xa teñen as plantas arrancadas, como primeiro paso para a súa preparación de cara a próxima campaña.
«Xa se engancha unha cousa con outra», explica un produtor en alusión ao fin da campaña e ao inicio do novo ciclo. «O que pode, colle uns días de descanso ao acabar a campaña pero agora, a maioría, xa estamos cos semilleiros para plantar», asegura este produtor de Herbón, M.R.C. No seu caso, xa ten algún invernadoiro en terra e outros coas plantas arrancadas, pendentes de sacar para fóra. «Convén sacalas para que, en caso de que algunha estea enferma, sacar tamén a enfermidade», explica este veciño de Herbón.
Cos invernadoiros baleiros toca a fase de «desinfección ecolóxica», de cara a rexenerar a terra para a próxima colleita. Isto é que, este produtor, como fan cada vez máis, opta por plantar nos invernadoiros cereais ou leguminosas, plantas que comen da terra as sustancias que non precisa o pemento e, por tanto, axudan a enriquecela. Por iso, este cultivador asegura que preparar ben os invernadoiros leva tempo» pero en iso tamén está parte do éxito da próxima colleita, engade.
Semilleiros
Así, as leguminosas e os cereais permanecen na terra ata xaneiro ou febreiro, que é cando se fresa a terra co tractor e se abona o terreo para as novas plantas que, en moitos casos, xa medran nos semilleiros plantados a cuberto. Tamén hai quen é máis tradicional e, na vez de leguminosas ou cereais, planta produtos da horta, como leituga, pero este produtor considera que «hoxe xa non compensa facelo». En calquera caso, antes da próxima plantación de pementos, moitos produtores analizan a terra dos seus terreos, sobre todo daqueles que «deron máis problemas», normalmente cada dous anos, para saber os niveis de fósforo, potasio e calcio, entre outros minerais, e comprobar así a riqueza do terreo e as súas necesidades de abono.
LA VOZ DE GALICIA, 02/12/12
0 comentarios